Ciclo clases-conferencias "OBRAS MESTRAS DA PINTURA DO S. XV AO S. XX", por Diego Diz, profesor de arte
Segunda sesión: “PINTURA E RELIXIÓN. ACHEGAMENTO Á FIGURA DE CRISTO (Antonello de Messina, El Greco e Velázquez)”
A segunda conferencia do ciclo versará sobre a pintura e a relixión e o tratamento da figura de Cristo, explicado a través das obras de tres grandes pintores: “Cristo acompañado dun anxo” (1475), de Antonello de Messina, o máis importante pintor renacentista do sur de Italia, famoso polo forte carácter flamenco do seu estilo e especialmente polo dominio precoz da técnica da pintura ao óleo; “A crucifixión” (1600), de El Greco, obra pertencente ao seu último período toledano no que ofrece unha visión nocturna do Calvario cun acusado carácter eucarístico; e “Cristo na cruz” (1635) de Velázquez, marabillosa representación serena dun Cristo inerte, apolíneo nas súas proporcións e cravado con catro cravos.
Diego Diz é licenciado en Xeografía e Historia, con especialidade en Arte, pola Universidade Complutense de Madrid. Realizou distintos cursos en España e no estranxeiro de Historia da Arte e do Cine, así como un máster de Historia da Arte na Universidade de Londres. É profesor de Historia da Arte en distintos centros, asociacións e fundacións.