Ciclo de conferencias "AO REDOR DE CASTELAO", organizado en colaboración coa Fundación Castelao
Conferencia de Xusto Beramendi González, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela: "CASTELAO E A POLÍTICA".
Este ciclo de conferencias ten como propósito estimular e favorecer a cultura galega e, en especial, pretende achegarnos dun xeito multidisciplinar á figura polifacética de Castelao; a súa perspectiva vista desde a actualidade sobre os temas sobranceiros do seu facer: o seu pensamento económico, político os debuxos de nenos ou o mundo da muller.
XUSTO BERAMENDI GONZÁLEZ
Realizou estudos de Enxeñería Industrial en Madrid (1959-1967), de tradución en Barcelona (1969-1974) e de doutoramento en Historia en Santiago de Compostela (1987).
Actualmente está xubilado como catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicerreitor (1990-1994).
Foi cofundador do Museo do Pobo Galego e é o presidente actual da súa Xunta Rectora. É membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. Participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997).
Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos foi editor das obras de Losada Diéguez, Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Vicente Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos e Rexionalismos na España da Restauración (1983), Castelao (1986), Os nacionalismos na España da Segunda República (1988), Nationalisms in Europe. Past and Present (1993) e Memoria e Identidade (2004).