Ciclo de conferencias "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"

Eventos
03/07/2016
03/07/2016
07/03/2016

Ciclo de conferencias "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"

-

Conferencia "Mellora xenética en Acuicultura", polo Prof. Dr. Paulino Martínez Portela, da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo. 

Dirixe e coordina o Ciclo o Dr. D. Antonio Villalba García, Investigador do Centro de Investigacións Mariñas, Xunta de Galicia, Vilanova de Arousa.

Paulino Martínez Portela é doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela e, na actualidade, é catedrático desta mesma universidade no Departamento de Xenética, impartindo a súa docencia na Facultade de Veterinaria, no Campus de Lugo.

Lidera un equipo de investigadores centrado na aplicación da Xenética no ámbito de organismos acuáticos, con énfases na optimización da acuicultura a través de programas de mellora xenética, e tamén para a conservación de especies ameazadas e xestión de pesqueiras mediante a aplicación dos principios da xenética de poboacións.

O Dr. Martínez Portela ten o mérito engadido dos pioneiros pois foi protagonista desde o inicio da aplicación da xenética á acuicultura en España, inicialmente para peixes e máis recentemente incorporando tamén moluscos e crustáceos. Os seus traballos comezaron aplicando as aproximacións clásicas da Xenética, pero máis recentemente o seu grupo desenvolveu ferramentas xenómicas para unha selección e xestión de pesqueiras máis eficiente.

Participou en numerosos proxectos de investigación nacionais e internacionais e, en moitos casos, con empresas do sector e administracións públicas, o que dá idea da súa determinación de aplicabilidade da investigación que desenvolve. Recibiu o X Premio JACUMAR de Investigación en Acuicultura pola investigación "Determinación do sexo en rodaballo e a súa aplicación industrial", cun método que patentou. É autor de máis de 150 artigos publicados en revistas internacionais de investigación.

No ámbito da educación, á parte do seu labor na propia Universidade de Santiago de Compostela, imparte cursos de posgrao en Brasil e Arxentina. Dirixiu 16 teses doutorais e foi evaluador de teses internacionais en diferentes países como Australia, Reino Unido, Brasil e Arxentina. No ano 2015 foi responsable da organización do Congreso Mundial de Xenética en Acuicultura.

Os primeiros programas de selección xenética en acuicultura en España comezaron en rodaballo nos anos 90 e centráronse no incremento da taxa de crecemento. Factor clave foi o desenvolvemento dunha ferramenta molecular de trazabilidade xenealóxica. Ferramentas similares puxéronse a punto posteriormente nas principais especies cultivadas en España, a dourada, a robaliza e o mexillón, o que permitiu valorar a resposta á selección para a acumulación de toxina en mexillón, o principal problema do sector, ou a existencia de anomalías morfolóxicas en dourada.

 A xenómica revolucionou a investigación xenética e as súas aplicacións nos campos da saúde e a produción. As aplicacións xenómicas implementáronse inicialmente na acuicultura española en dous peixes planos, o linguado senegalés e o rodaballo, avaliando a expresión de miles de xenes simultaneamente e identificando xenes candidatos relacionados con caracteres de interese. Así, a análise da resposta á bacteria responsable da furunculosis permitiu identificar un conxunto de 463 xenes, expresados en diferentes órganos, relacionados coa resposta inmune do peixe, de gran valor para conseguir mellorar a resposta a este patóxeno. Recursos e ferramentas similares desenvolvéronse posteriormente para a robaliza, dourada, ostra plana, ameixa e mexillón. No caso da ostra plana identificáronse dous marcadores xenéticos que poderían facilitar a selección para resistencia á bonamiose, o principal problema do sector ostricultor.

A construción do primeiro mapa xenético da acuicultura española culmina no ano 2007 en rodaballo; este mapa é utilizado profusamente en numerosos estudos posteriores para desvelar a arquitectura xenómica dos principais caracteres de interese produtivo nesta especie, o crecemento, a resistencia a enfermidades e o control do sexo.

Finalmente, ao longo do ano 2015 publícase o ensamblado completo do xenoma do rodaballo e un parcial en linguado, un reto tecnolóxico que supón a culminación do esforzo de varios grupos de investigación españois. Estes xenomas son a referencia para a aplicación de novas tecnoloxías xenómicas máis precisas e informativas para análises de expresión génica (RNA-seq) ou de identificación e xenotipado a gran escala de marcadores xenéticos (RAD-seq). A acuicultura entrou nunha nova era tecnolóxica que ofrece enormes oportunidades para a mellora dos seus produtos en función das demandas do consumidor, e que requirirá a colaboración de industria, administración e centros de investigación.

Claves:

- A Xenética permitiu unha mellora sostida das especies tradicionais domésticas e a súa aplicación en acuicultura está a propiciar niveis de resposta superiores.

- A Xenómica posibilitou a análise integrada e masiva dos miles de xenes que compoñen os xenomas para entender a arquitectura xenética dos caracteres de interese produtivo que permita unha selección máis eficiente en crecemento, resposta a enfermidades ou control do sexo.

- Os estudos xenéticos aplicados á acuicultura en España serviron para desenvolver recursos e ferramentas esenciais para a mellora da produción en rodaballo, robaliza, linguado, dourada, mexillón, ostra plana e ameixa.

- A transferencia ao sector industrial deste potencial en termos de mellora da produción dependerá dunha actuación coordinada de empresas, administración e centros de investigación.

Para coñecer a información completa deste Ciclo de conferencias, pica aquí.

07 Marzo 2016
Eventos