CICLO "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"
Conferencia "O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), referencia internacional no control de ecosistemas mariños", pola Dra. Covadonga Salgado Blanco. O ciclo está coordinado polo Dr. Antonio Villalba García (Centro de Investigacións Mariñas, Xunta de Galicia, Vilanova de Arousa).
Presidirá o acto Dna. Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar da Xunta de Galicia.
Covadonga Salgado Blanco é Doutora en Ciencias Químicas e Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais destes títulos académicos, é Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais e Funcionaria do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia, na Escala de Químicos. Desde abril de 2009 é Directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), instrumento oficial da Administración autonómica galega, para o control da calidade das súas augas costeiras e a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar. A Dra. Salgado Blanco dedicou a este centro boa parte da súa vida profesional, pois xa entre os anos 2003 e 2006 foi subdirectora xeral do Centro de Control do Medio Mariño (CCMM), antecedente directo do INTECMAR, do que xa fora subdirectora técnica e xefa de Unidade de Biotoxinas Mariñas, desde 1995.
A Dra. Salgado Blanco participou en múltiples proxectos de investigación sobre toxinas mariñas e é autora de numerosas publicacións científicas neste ámbito. Pola relevancia do seu traballo no INTECMAR, actuou como Auditora Técnica de laboratorios, a requirimento da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC); participou como experta nacional en máis de 15 inspeccións da Oficina Veterinaria Alimentaria da Unión Europea, tanto a países europeos como a terceiros países; foi titora e coordinadora en seminarios do programa europeo "Better Training for a Safer Food" da Dirección Xeral de Consumidores como experta europea en hixiene e controis de moluscos bivalvos vivos e participou en grupos de traballo da Comisión Europea e consultorías da FAO como experta en moluscos bivalvos.
As dúas últimas conferencias deste ciclo planificáronse para a difundir o labor de senllas institucións que son referencia internacional, o Instituto para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e o Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar.
O INTECMAR é un referente mundial polos seus rigorosos sistemas de control para garantir as condicións hixiénico-sanitarias dos produtos pesqueiros adquiridos polas canles legais de comercialización, en particular en control e detección de biotoxinas mariñas; en definitiva, para garantir a saúde do consumidor. O INTECMAR, creado por lei no ano 2004 como instrumento dependente da administración autonómica de Galicia, é o organismo oficial encargado do control da calidade do medio mariño e da aplicación da lexislación de control técnico-sanitario dos produtos do mar. Ademais de controlar os niveis de biotoxinas nas augas costeiras, realiza o seguimento das condicións oceanográficas, de fitoplancto, de contaminación química e os controis de microbioloxía e do estado de saúde dos moluscos de interese comercial. Estas facetas de seguimento lévano a realizar unhas 135.000 analíticas anuais.
Ademais, no ámbito da loita contra a contaminación mariña accidental o INTECMAR utiliza os coñecementos en modelización numérica, en oceanografía e meteoroloxía, con obxecto de proporcionar respostas a situacións de emerxencias no mar, tales como verteduras ou seguimento de obxectos á deriva, e para diagnosticar e predicir a dinámica do sistema mariño e as súas consecuencias na calidade das augas. O Instituto forma parte das unidades de apoio incluídas no "Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia" sendo un dos seus principais obxectivos facer un seguimento das manchas de contaminación que se puidesen dar nunha emerxencia, e cartografiar a situación da posible crise.
Para o control das biotoxinas, o INTECMAR conta cun intensivo sistema de control analítico, que supón ao redor de 15.000 análise ao ano e que evita a presenza no mercado de produtos portadores de toxinas. Este sistema consiste nunha ampla rede de mostraxe, que en viveiros de cultivo componse de 52 puntos primarios estratexicamente escollidos entre os considerados de máis rápida afectación. A súa frecuencia de mostraxe é variable en función das circunstancias dos episodios tóxicos (popularmente coñecidos como mareas vermellas), podendo chegar mesmo a ser diaria. A estes puntos súmanse os 16 puntos fixos para a mostraxe de mexillón de roca, 20 áreas de mostraxe de moluscos infaunales e 16 áreas de mostraxe de moluscos epifaunales, todos cunha frecuencia de mostraxe mínima semanal, coincidindo cos períodos de explotación.
Para o control microbiolóxico (carga bacteriana), a rede de control conta con 203 puntos de mostraxe distribuídos por todo o litoral de Galicia. Segundo a carga microbiolóxica e atendendo ao que establece a lexislación europea para o parámetro indicador, a bacteria Escherichia coli, as zonas de produción clasifícanse en A, B ou C. A súa frecuencia de mostraxe vai desde semanal a bimestral segundo a situación das zonas das que se trate. En total, ao ano o INTECMAR realiza unhas 2.200 análises de control microbiolóxico.
En canto ao control da contaminación química, o centro conta con puntos fixos repartidos por todo o litoral para controlar a que é provocada por organoclorados metais pesados e hidrocarburos. En todos eles, a frecuencia de mostraxe é anual ou semestral segundo os puntos dos que se trate.
Por último, a unidade de patoloxía ten como obxectivo a prevención e control de determinadas enfermidades dos moluscos bivalvos a través da rede de control patolóxico que abarca as principais especies sometidas a explotación comercial.
A información do estado das zonas de produción de marisco e dos seus cambios é trasladada polo INTECMAR aos axentes e representantes do sector. A eles o centro remítelles uns 20.000 correos electrónicos mensuais informando dos cambios. Á súa vez, toda esta información reflíctese de maneira inmediata e actualizada na páxina web do centro -www.intecmar.org-, que recibe máis de 1 millón de consultas mensuais. Esta web é un instrumento de referencia para numerosos axentes relacionados co sector do mar, incluíndo a xestión das emerxencias.
Para máis información sobre este ciclo, pica aquí.