CICLO "TEMAS XURÍDICOS DE ACTUALIDADE"
Conferencia "Perversións actuais do proceso penal", polo Prof. Dr. D. Gonzalo Rodríguez Mourullo, Catedrátivo de Dereito Penal e Avogado
Este ciclo, cuxa coordinación corre a cargo do Prof. Dr. D. Carlos Lema Devesa, presidente da Asociación de Juristas Gallegos en Madrid (IURISGAMA), está composto por unha serie de conferencias que serán impartidas por ilustres xuristas galegos. Disertarán sobre temas diversos de Dereito Penal, Administrativo e Mercantil, e estará dirixido tanto a especialistas na materia como ao público en xeral.
Gonzalo Rodríguez Mourullo (Calo, Teo, A Coruña, 1935) estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario en 1957, obtendo igualmente o Premio "José Calvo Sotelo" ao mellor expediente da súa promoción e foi catedrático de Dereito Penal na Universidade de Oviedo, na Universidade de Santiago de Compostela (1970) e na Universidade Autónoma de Madrid desde 1970.
Tras gañar en 1954 o primeiro premio de contos do Centro Galego de Buenos Aires, publicou "Nasce unha árbore" e en 1956 "Memoria de Tains". Ambas as obras sentaron as bases dunha fonda renovación na literatura galega que deu orixe á chamada nova narrativa galega; con todo, de forma abrupta abandonou a literatura e dedicouse de cheo ao seu labor como xurista.
Tivo un papel destacado na elaboración do Código penal de 1995, como relator xeral do proxecto de 1980. É membro do Ilustre Colexio de Avogados de Madrid desde o ano 1962, de cuxa Xunta de Goberno foi Deputado.
De entre os recoñecementos e distincións obtidos, destacan os seguintes: Vogal Permanente da Comisión Xeral de Codificación; Relator Xeral da Comisión redactora do Proxecto de novo Código penal de 1980, do que trae causa o vixente Código penal de 1995; Académico de número da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación e Académico de Honra da Galega de Xurisprudencia e Lexislación; Cruz de honra de San Raimundo de Peñafort.
Está en posesión da Medalla Castelao, máximo galardón dos que concede a Xunta de Galicia, outorgado pola súa achega á ciencia xurídica. Recibiu o "Premio Montero Ríos" concedido pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama) pola súa relevante actividade no campo do Dereito.