Concello de Camariñas. Rolda de prensa - Presentación da XXVI Mostra do Encaixe de Camariñas, 2016

Eventos
02/24/2016
02/24/2016
24/02/2016

Concello de Camariñas. Rolda de prensa - Presentación da XXVI Mostra do Encaixe de Camariñas, 2016

-

A presente edición da "Mostra do Encaixe" que ten nesta ocasión o lema "Levamos o encaixe na pel" celebrarase en Camariñas do 23 ao 27 de marzo de 2016.

Durante o acto realizarase unha demostración de palillo en vivo coa presenza dunha palilleira, exporase unha pequeña mostra de pezas de enxoval e outros de Encaixe de Camariñas e proxectarase un vídeo promocional.

Esta presentación contará coa asistencia, entre outras personalidades, de Manuel V. Alonso, alcalde de Camariñas; Sandra Ínsua, concelleira delegada de Servizos Sociais, Igualdade e Promoción do Encaixe.

Baixo o título "Inspiración, Deseño e Encaixe. Escrito na Pel", coñecerase a relación co Encaixe de Camariñas® de dous deseñadores que participarán na XXVI Mostra do Encaixe: Modesto Lomba, deseñador e presidente da Asociación de Creadores de Moda de España; e Juanjo Gómez, deseñador da firma Yono Taola.

Dende 1981, cada Semana Santa e presidida pola "Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía", celébrase "A Mostra do Encaixe de Camariñas", certame comercial e cultural de ámbito internacional, declarado de Interese Turístico de Galicia. Este evento acadou dinamizar o sector do encaixe, propiciando o uso dos "Encaixes de Camariñas", non só no enxoval doméstico, senón tamén na súa inclusión definitiva no sector da moda.

Foron e van seguir sendo os desfiles de "Grandes Deseñadores" e o "Concurso de Deseñadores Noveis" os que apostan por tal fin.

Acolle tamén a Mostra un evento que exemplifica como o Encaixe de Camariñas se abriu camino nas redes sociais, un Encontro de Bloggers de moda, no que as prescriptoras de moda disertan cos novos deseñadores sobre este tema e a aplicación do encaixe.

Dentro do recinto feiral, o visitante, entre outras actividades, atoparase con exposicións, demostracións ao vivo e venda de encaixe elaborado en diversas partes do mundo.

Ademais, vai poder gozar doutras artesanías nas cales se aplicou o encaixe de Camariñas. Pero, sen lugar a dúbidas, as verdadeiras estrelas deste coñecido evento son as "Escolas Infantís de Palillo", que día a día fan demostracións da súa arte con creacións que mostran nun desfile propio, o "PequeEncaixe".

24 Febrero 2016
Eventos
Imaxes