Conferencia "Alfredo Kraus: o artista, o mestre, o amigo e a súa relación con Galicia", por ENRIQUE PAZ ESCUDERO, tenor e primeiro alumno do célebre tenor grancanario Alfredo Kraus
O tenor coruñés Enrique Paz Escudero pronunciará unha conferencia que versará sobre o seu gran mestre Alfredo Kraus, gran figura mundial do bel canto, ao que lle unía unha profunda amizade.
O tenor e mestre, que posúe un profundo coñecemento sobre a vida persoal e a traxectoria profesional de Alfredo Kraus, relatará pasaxes da súa existencia e actuacións moi pouco coñecidos, ou practicamente inéditos polo menos para o gran público.
Naceu na Coruña, o 18 de setembro de 1949. Desde moi neno sentiuse atraído polo canto lírico, e escoitaba na súa casa antigas gravacións do tenor Miguel Freta, así como a zarzuela "Katiuska", pola soprano Pilar Lorengar e o tenor Alfredo Kraus.
No ano 1967 entrou a formar parte, como tenor solista, da Coral Polifónica "El Eco", a máis antiga da Península Ibérica. A dita coral interviña todos os anos na tempada de ópera da Coruña, co cal puido compartir escenario con cantantes da talla de Pedro Lavirgen, José Carreras, Ángeles Gulín, Giuseppe Taddei, e Alfredo Kraus, entre outros.
Decidido a estudar canto, en 1970 desprázase a Milán, para ser escoitado pola soada soprano española Elvira de Hidalgo, quen á súa vez, fora mestra da gran María Calas.
Volto a España, por medio dun amigo común, ten a oportunidade de ser escoitado en audición privada, por Alfredo Kraus, quen de maneira absolutamente desinteresada, ofrécese a ensinarlle técnica vocal.
Bolseiro pola Deputación Provincial da Coruña, e pola Fundación Pedro Barrié, ten a oportunidade de acompañar a Kraus durante tres anos, por diversas cidades de Italia, Londres, Lisboa e España, para continuar os seus estudos con el, e ao mesmo tempo familiarizarse co idioma italiano, e o ambiente do teatro. Realizou concertos en diversas cidades españolas, así como actuacións en RNE e na TVG (Televisión de Galicia).
Como mestre de canto, formou a actuais profesores da devandita materia, que hoxe en día imparten as súas clases en diversos conservatorios de Galicia.
Actualmente dedica o seu tempo a dar conferencias e clases maxistrais por toda España.