Conferencia da actriz UXÍA BLANCO sobre o actor, director e autor teatral, ROBERTO VIDAL BOLAÑO, a quen se dedica este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Eventos
05/16/2013
05/16/2013
16/05/2013

Conferencia da actriz UXÍA BLANCO sobre o actor, director e autor teatral, ROBERTO VIDAL BOLAÑO, a quen se dedica este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS

-

Durante a conferencia proxectaranse escenas das películas "Sempre Xonxa" e "La lengua de las mariposas" nas que participou Roberto Vidal.

ROBERTO VIDAL BOLAÑO (Santiago de Compostela, 1950-2002) é unha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos 70,  coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da sú morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable.

É indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal para o teatro nacional galego. É o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura.

A produción de Roberto Vidal, caracterizada por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. Hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política.

Non só é un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX.

Foi un profesional que viviu sempre apegado aos escenarios, traballando en case todos os ámbitos da produción teatral, desde a iluminación ata á dirección.

Foi tamén un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia. O seu traballo como director e como guionista, aínda que non chega á dimensión do seu labor dramático, tamén merece unha consideración especial polas liñas que deixou trazadas para o desenvolvemento dun campo audiovisual galego que se expresase na lingua propia e dialogase co resto dos nosos campos culturais.

Roberto Vidal foi un extraordinario escritor. Fixo literatura dramática a consciencia, con vontade de intervir no sistema literario galego, de dialogar con outras obras e autores, de apoiarse nos nosos clásicos e na obra dos seus contemporáneos.

A obra de Roberto Vidal está marcada pola estética da derrota e a crítica da modernidade. Tal vez influído por Ramón Otero Pedrayo defendeu unha recuperación do popular. Cultivou igualmente, como Otero, o teatro histórico, arredor da figura de Rosalía de Castro obras que constitúen ensaios sobre a vida e a obra da poetisa máis coñecida de Galicia. Ademais, unha das súas maiores influencias foi a do teatro de Valle Inclán, a quen mencionou varias veces ao longo da súa obra.

As súas obras recollen e mesturan as correntes estéticas do realismo, simbolismo, surrealismo e expresionismo.

 

 

 

16 Mayo 2013
Eventos