Conferencia de Carlos Mella Villar, presidente da Fundación Castelao: "CASTELAO: EXISTENCIA E PRESENZA POLÍTICA"

Eventos
06/26/2017
06/26/2017
26/06/2017

Conferencia de Carlos Mella Villar, presidente da Fundación Castelao: "CASTELAO: EXISTENCIA E PRESENZA POLÍTICA"

-

Debuxante, humorista gráfico, teórico da arte, escritor e político, Castelao é o referente indiscutible da cultura galega do século XX. O seu labor foi decisivo na conformación da arte, da narrativa e do rexurdir de Galicia mediante a acción política nacionalista.

Desde o exilio defendeu o Estatuto de Autonomía para Galicia e os dereitos do noso pobo mediante o Consello de Galiza. Nese labor intelectual destaca o seu ensaio político Sempre en Galiza.

Carlos Mella Villar (A Estrada, 1930) economista, escritor e político; estudou Dereito na Universidade de Deusto, licenciándose finalmente na Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo o doutoramento na Universidade Complutense de Madrid. É diplomado en Ciencias Económicas pola Sorbona e especializouse en temas monetarios e financeiros na Universidade de Harward. É máster en Dereito Financeiro e Tributación. Finalizada a carreira, ingresou por oposición no Ministerio de Facenda, no que ocupou os cargos de xefe do Servizo de Información, director do Servizo de Análise Económica, subdirector e director xeral de Política Financeira. Foi así mesmo funcionario da Organización Europea de Cooperación e Desenvolvemento (O.C.D.E.) en París durante catro anos. Foi representante de España nas Nacións Unidas na primeira conferencia mundial sobre Comercio e Desenvolvemento.

Conselleiro do Banco Hipotecario, conselleiro do Instituto de Planificación Contable e membro do consello de redacción de Economía Financeira Española. Tamén, durante cinco anos, foi profesor da cátedra de Economía Política na Universidade Complutense.

Nese período foi premiado pola Fundación March polos traballos acerca dos ciclos económicos. No sector privado, foi presidente do consello de administración de "Carcesa",  de "Forum Inmobiliario" e de "Latinoamericana de Financiación".

Elixido deputado ao Parlamento Galego, ocupou os cargos de vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía. Abandonada a política activa, foi nomeado en 2001 presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En febreiro de 2013 ocupou o cargo de presidente da Fundación Castelao en substitución de Avelino Pousa Antelo.

A súa obra abarca os campos da narrativa e do ensaio. Polo que respecta á narrativa, publicou NON SOMOS INOCENTES (Edicións Xerais de Galicia, 1990), O PROTOCOLO XAPONÉS (Edit. Compostela, 1992), BIEITO, BIEITO (Edicións Xerais de Galicia, 1993), COA PALLETA DISTRAÍDA (Espiral Maior, 1994), LUCES DE FISTERRA (Espiral Maior, 1995) e MEMORIAS DUN NINGÚEN (Editorial Galaxia, 2009). En canto ao ensaio, A GALICIA POSIBLE (Edicións Xerais de Galicia, 1992) e A FALACIA DO ECONOMICISMO (Espiral Maior, 1994). Finalmente publicou SORTE DO PAXARIÑO (2004).

 

26 Junio 2017
Eventos
Imaxes