Conferencia de D. GABRIEL ELORRIAGA FERNÁNDEZ: "Canalejas: un ferrolán liberal", no centenario do seu magnicidio
Gabriel Elorriaga Fernández, un dos parlamentarios de máis longa e ampla traxectoria, disertará acerca da figura de José Canalejas, un dos políticos máis destacados do Partido Liberal durante o Réxime da Restauración que ocupou a Presidencia do Consello de Ministros de España e que foi asasinado un 12 de novembro de 1912.
GABRIEL ELORRIAGA FERNÁNDEZ (Ferrol, 1930) é avogado, xornalista e político. Parlamentario de longa e importante traxectoria desde que, en 1982, fora elixido deputado a Cortes por Castellón. Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, ocupou diferentes cargos: foi responsable de publicacións do Instituto de Estudios Políticos, xefe do Gabinete Técnico do Ministerio de Información e Turismo (1962-1969), gobernador civil de Santa Cruz de Tenerife (1969-1971) e delegado do Servizo de Publicacións do Ministerio de Traballo.
É autor de numerosos libros, entre os que destacan: "La vocación política" (1962), "Información y política" (1964), "Democracia fuerte" (1975), "El camino de la concordia: de la cárcel al parlamento" (2007) e "Sed de Dios" (2012).
Ao iniciarse a transición impulsou a creación do partido Reforma Democrática, do que foi presidente provincial de Madrid, posteriormente integrado en Alianza Popular, principal forza integrante do actual Partido Popular.
A conferencia que pronunciará versa sobre a figura de JOSÉ CANALEJAS Y MÉNDEZ, un dos políticos máis destacados do Partido Liberal durante o Réxime da Restauración (1876-1923). Ocupou a Presidencia do Consello de Ministros de España entre 1910 e 1912.
Político progresista, depositaronse nel moitas esperanzas, que quedaron truncadas co seu asasinato na Porta do Sol de Madrid a mans dun anarquista o 12 de novembro de 1912.