Conferencia do xornalista e escritor, JOSÉ R. RODRÍGUEZ: "Presenza de Galicia en Filipinas"
O mércores, 7 de marzo, ás 20:00 horas, o xornalista e escritor, José R. Rodríguez, pronunciará unha conferencia que versará sobre a contribución de Galicia e dos galegos no devir histórico de arquipélago filipino desde a chegada de Magallanes.
Xornalista e escritor, naceu o 20 de xuño de 1950 en San Xoán de Río (Ourense).É Doutor e Máster en Administración de Empresas pola Universidade de Newport de Estados Unidos e Doutor en Humanidades Honoris Causa polas Universidades de Manila, St. Mary"s en Nueva Vizcaya (illa de Luzon) e Western Mindanao State University na Cidade de Zamboanga (illa sureña de Mindanao).
A maior parte da súa carreira profesional dedicouna ao xornalismo como colaborador dos principais diarios españois e logo como delegado xeral para o Sudeste Asiático e o Pacífico da Axencia EFE e responsable de montar o servizo mundial de novas en Lingua Inglesa de EFE con sede en Manila (Filipinas). Foi presidente da Asociación da Prensa Estranxeira en Filipinas (FOCAP) e foi o primeiro xornalista europeo nomeado presidente do Club de Prensa de Manila (MOPC).
Como editor, fundou e dirixiu nos anos noventa co ex ministro de Asuntos Exteriores de Filipinas, Raúl Manglapus, o semanario "Crónica de Manila", última publicación xornalística en español no arquipélago magallánico.
Na actualidade é Director Honorario da Academia Filipina da Lingua Española e Membro Correspondente da Real Academia Española e das Academias da Lingua de Estados Unidos, El Salvador e Chile.
Polo seu labor para promover as relacións hispano-filipinas e a difusión da lingua de Cervantes foi condecorado coa Encomienda de Isabel la Católica por S.M. el Rey Don Juan Carlos I, a Medalla de Galicia concedida pola Xunta de Galicia, a Orde de Sikatuna da República de Filipinas e a Cruz de Caballero da Orde Filipina de Rizal.
Entre os anos 2006 e 2011 foi Director do Instituto Cervantes en Manila, centro do que dependen as Aulas Cervantes de Hanoi (Vietnam), Kuala Lumpur (Malasia) e Yakarta (Indonesia), así como os centros asociados en Singapur, Taiwán e Corea do Sur. Así mesmo, estivo nese periodo encargado de xestionar o programa de cooperación cultural coas universidades dos antigos territorios de España no Pacífico (Illa de Guam, Micronesia e Palaos).
Publicacións recentes: "Crónicas" (Manila, 2000) que recolle máis de dúas décadas de experiencias en Filipinas e en Asia; "Philippine First Ladies Portraits" (Manila, 2003), colección de perfís históricos sobre as Primeiras Damas de Filipinas e "Cruceiro" (Filipinas, 2011): presenza de Galicia en Filipinas. Este último libro é un estudo do que a rexión española de Galicia aportou a Filipinas. Nel repasa os puntos en común da historia e a cultura de Filipinas cos rasgos xenuinamente galegos, sendo o cruceiro a imaxe icónica utilizada tanto para titular a obra como para ilustrar a portada. Esta obra serve de inspiración ao ex director do Instituto Cervantes en Manila para pronunciar esta conferencia.
Nesta conferencia repasará a pegada galega nos primeiros castilas (denominación entre os nativos dos españois que aínda hoxe se mantén ao dicir estes que viaxaran desde Castela), nas construcións no país, na evanxelización, no desenvolvemento dun sistema educativo, na cultura e na sociedade. Tamén fará un breve repaso a persoas e personaxes galegos recoñecidos pola súa aportación, como os Dasmariñas, gobernadores xerais que mandaron construír Intramuros e facilitaron a creación dun xornal. Así como tamén fará referencia á influencia galega reflectida en apelidos e topónimos.