Conferencia "MANUEL MARÍA: POESÍA, PAISAXE E TRADICIÓN", polo escritor José Antonio Cascudo Rodríguez
O discurso poético de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) articúlase en base a dous dos seus elementos esenciais: a paisaxe e a tradición, aspectos que constitúen, xunto á lingua, os alicerces fundamentais dunha obra que tanto contribuíu á construción da identidade colectiva de Galicia na segunda metade do século XX.
Este acto celébrase con ocasión do DÍA DÁS LETRAS GALEGAS, dedicado este ano a Manuel María.
Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) foi un dos autores máis prolíficos da historia da literatura galega. Publicou máis de cincuenta títulos desde "Muiñeiro de brétemas" (1950), unha das primeiras obras escritas en galego tras a Guerra Civil, ata "Camiños de luz e sombra", editado no ano 2000.
Manuel María transitou por todo tipo de temáticas, desde a poesía existencial, a paisaxística, a relixiosa ou a social, ata xéneros como o teatro infantil. A pesar da súa heteroxeneidade, hai un elemento que permanece inalterable na súa obra, o colocar ao ser humano e as súas circunstancias no centro dos seus intereses artísticos.
Concibe a paisaxe como principio reitor do seu proceso de creación, tanto na súa dimensión ética como estética. En cada un dos seus versos percibimos o profundo sinal da natureza; desde a emoción que lle suscita o contacto coas paraxes da súa infancia a beiras do río Miño, ata a paisaxe humanizada da Terra Cha, comarca situada no corazón da provincia de Lugo.
"Terra Cha" (1953), unha das súas obras máis emblemáticas, pode lerse como un tratado da paisaxe, onde o poeta defínenos o seu espazo máis íntimo e sentimental. Os poemas de Manuel María reflicten un modo de vida en vías de extinción: feiras, crenzas populares, romarías, superstición ou fervor relixioso, patrimonio material e inmaterial en estado puro. Neste sentido un dos elementos máis interesantes é a forma na que nos mostra os oficios tradicionais, que se suceden nunha lóxica orgánica absoluta. Todo no agro galego realizábase seguindo un estrito criterio ecolóxico.
A mirada do poeta proxéctase sobre a xente humilde, grazas á cal sobreviviu a nosa cultura durante séculos. Nada do que sucede na súa contorna élle alleo: a dor, o sufrimento, o amor ou a esperanza forman parte da idiosincrasia dun pobo inmerso na loita pola supervivencia onde non se percibe nadiña de nada da infelicidade da sociedade dos nosos días.
JOSÉ ANTONIO CASCUDO obtivo a Licenciatura en Historia da Arte, USC (1995-1999); realizou o Ciclo Superior de Fotografía Artística, Escola Mestre Mateo (2007-2009); fixo un Máster Internacional en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional, Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (2008-2009). Obtivo a licenciatura en Comunicación Audiovisual, Universidade da Coruña (2009-2011) e diplomatura en guión para cine e TV, Instituto del cine de Madrid.