Conferencia "SERAFÍN AVENDAÑO (Vigo, c. 1837-Valladolid, 1916), PAISAXISTA GALEGO E INTERNACIONAL", por Carmen Pena López
O paisaxismo de Avendaño, que chegou a crear escola, é un exemplo de transición entre o romanticismo e o impresionismo.
Carmen Pena é catedrática de Teoría e Historia da Arte Contemporánea da Universidade Complutense de Madrid.
Licenciada en Filosofía e Letras e doutora pola Universidade Complutense de Madrid, completa os seus estudos na Université Sorbonne I. Desde 1971 exerce de maneira ininterrompida o seu labor docente e investigador, sendo catedrática de Teoría e Historia da Arte Contemporánea na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense ata 2008.
Especialista en paisaxe e paisaxismo, as súas publicacións sobre este tema, a súa identidade e diferenzas, son numerosas, tanto no período finisecular decimonónico como nas vangardas españolas. Crítica de arte na revista Mirador da Complutense, así como no semanario e o diario El Independiente de Madrid.
Serafín Avendaño (Vigo, c.1837-Valladolid, 1916). Trasladouse moi novo a Madrid onde recibiu os ensinos de Antonio Esquivel e Genaro Pérez Villaamil e foi alumno da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Despois viaxou a Italia para ampliar os seus estudos, residindo alí ata 1891, data na que regresou a España.
Especializouse na paisaxe de carácter realista e luminista, propio da segunda metade do século XIX, como se pode observar na Procesión nun pobo, que se conserva no Museo do Prado. Concorreu con asiduidade ás Exposicións Nacionais de Belas Artes, obtendo terceira medalla nos anos 1864 e 1892 e segunda en 1899 polo lenzo Unha fonte en Galicia.
De entre as súas obras destacan: Unha fonte en Galicia (1897), Paisaxe de Portland (1859), Procesión na abadía de Tiglieto (1895), Paisaxe (1897), Paisaxe (fondo mariña) (1907), Paisaxe nas proximidades de Xénova ou No bosque (cara a 1885).