DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Conferencia "XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE. BIOGRAFÍA INTELECTUAL", por Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega
O escritor e historiador pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) é autor dunha extensa obra de carácter divulgativo que o converte nunha das figuras centrais da cultura galega do século XX.
Escritor prolífico e dotado dunha grande erudición, a súa inxente produción abrangue unha ampla diversidade de temas, tratados sempre con gran rigor intelectual, entre os que salientan as súas achegas á nosa historia e etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval.
Xesús Alonso Montero, que mantivo unha relación afectuosa con Filgueira Valverde, defíneo como un sabio e erudito de ampla biografía galeguista, unha personalidade capital na historia de Galicia, un dos dez grandes capítulos da cultura galega do século XX.
Filgueira Valverde estuda o Bacharelato en Pontevedra e obtén en Santiago a licenciatura en Dereito. Tamén obtén en 1936 o doutorado en Filosofía e Letras, Sección de Historia. Traballa como profesor do Instituto de Ensino Medio en Pontevedra. En 1923 dirixe a sección de Historia da Literatura no Seminario de Estudios Galegos. Colabora en diversos medios de comunicación e en 1932 é nomeado membro da Real Academia da Historia. Desde 1942 é membro da Real Academia Galega e en 1953 é nomeado membro da Real Academia da Lingua e tamén do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento así como de moitas máis fundacións, academias... Desde 1959 a 1968 é alcalde de Pontevedra e recibe varios premios e condecoracións.
Son moitos os campos do saber que abarcou Filgueira Valverde. Escribiu máis de 300 libros e milleiros de artigos, pronunciou discursos e conferencias... Por citar algunhas, pódense destacar produccións como Guía de Compostela, Castelao escenógrafo, Da épica na Galicia medieval, Don Quijote y el amor trovadoresco, La toponimia gallega, Rosalía no seu fogar...
Firmemente comprometido na defensa e promoción da nosa cultura, o legado intelectual de Filgueira Valverde constitúe, pola súa amplitude e calidade, un dos máis importantes da segunda metade do século XX.