DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE. Conferencia "A vinganza de Gaia. A crise climática e a fin da nosa civilización", por José Cerdeira, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos
José Cerdeira pretende incidir nos danos que a nosa forma de vida está provocando no medio ambiente, repasando os perigos máis inminentes e a súa influencia no futuro da nosa propia civilización.
A Asamblea Xeral das Nacións Unidas estableceu o día 5 de xuño como Día Mundial do Medio Ambiente nunha resolución do 15 de decembro de 1972. A primeira celebración tivo lugar o 5 de xuño de 1973 e, desde entón, veu celebrándose ininterrompidamente. No ano 2004 celebrouse en España, co lema "Búscanse! Mares e océanos. ¿Vivos ou mortos?", e este ano celebrarase en Barbados. O seu lema será "Alza a túa voz, non o nivel do mar".
Como pretenden transmitirnos as Nacións Unidas, o medio ambiente é un tema transcendente para a humanidade. Nesta conferencia de José Cerdeira preténdese incidir nos danos que a nosa forma de vida está provocando no medio ambiente, repasando os perigos máis inminentes e a súa influencia no futuro da nosa propia civilización. Pretende ser un repaso desapasionado polo pasado, presente e futuro das relacións dos humanos co seu medio natural, resaltando os danos que estamos causando ao noso Planeta e tratando de prever cal será o noso futuro se non tomamos un xiro radical no noso comportamento ambiental.
José Cerdeira é un enxeñeiro de Camiños que dedicou a súa vida profesional ao mundo da enerxía e, moi especialmente, ao da eficiencia enerxética. A súa relación coas políticas enerxéticas mantivérono moi preto dos problemas medio ambientais, en gran parte froito do excesivo consumo de combustibles fósiles, e permitíronlle valorar as principais consecuencias destes consumos irracionais. Na conferencia farase un breve repaso pola historia xeológica do clima e incidirase nos principais efectos que a actividade humana está tendo sobre este, calentamento global, aumento do nivel do mar, fusión dos xeos, desertización, etc. Finalmente, relacionaranse estes cambios que estamos provocando no noso medio ambiente co esgotamento dos recursos, debuxando un futuro preocupante para o caso de que non sexamos capaces de tomar medidas eficaces e rápidas.