Espectáculo "CONTANDO CON ROALD DAHL", no centenario do seu nacemento (Cardiff, 1916-Oxford, 1990)
O dúo composto por Mercedes Castro e David González crea un espectáculo de música e voz que nos mergulla no universo surrealista e subversivo de Roald Dahl. A fascinación que producen as narracións do escritor de Cardiff chega ao espectador potenciada polas imaxes creadas polo videoartista Eduardo Yagüe e a música composta para a ocasión por Jorge M.González.
Da obra de Roald Dahl destaca a producida para o goce dos nenos: Matilda, Los Gremlins, Las brujas, Charlie y la fábrica de chocolate, Cuentos en verso para niños perversos Aínda que escribiu novelas, biografías e tivo unha gran relación co cinema xa que traballou como guionista, o conto é, sen dúbida, o formato literario no que conseguiu plasmar toda a súa imaxinación, destreza e xenio.
Este espectáculo céntrase en dous dos seus máis curiosos contos: "Desexo" (The Wish) e "Cordeiro asado" (Lamb to the slaughter).
A música desenvólvese ao redor dun mesmo material compositivo. En "Desexo" glosa o texto desde o punto de vista da mente do protagonista e convértese na súa propia voz. E en "Cordeiro asado" funciona emulando as bandas sonoras do cinema dos 50-60, está nun segundo plano, case exclusivamente decorando ou ambientando a acción.
As imaxes iluminan a escena nun sentido real e metafórico, axudan a reflexionar sobre os múltiples niveis de significado dos contos. Crean conexións imaxinativas, suxiren conceptos: infancia, desexo, impulso, frustración, instinto fan despegar o voo imaxinativo dos espectadores. Funciona á inversa da música en "Desexo" a imaxe é segundo plano, marco de referencia mentres en "Cordeiro asado" protagoniza a acción e abre perspectivas.