Espectáculo teatral "30 ANOS DE MAXIA E HUMOR", polo ilusionista pontevedrés Luis Boyano
Luis Boyano regresa cun espectáculo no que celebrará sobre o escenario os seus 30 anos como profesional da maxia e do humor. Este pontevedrés, psicólogo e ilusionista de formación e profesor da primeira titulación universitaria de maxia en España, fará un percorrido dos seus principais números, onde a maxia converterase en vehículo transmisor de emocións a través da canle do humor.
Luis Boyano é licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1984 trasládase a vivir a Madrid onde termina a especialidade en Psicoloxía Pedagóxica na Universidade Complutense. Paralelamente, fórmase en diferentes campos artísticos como: Interpretación, Expresión Corporal, Pantomima, Clown e Maxia.
Os seus primeiros pasos no mundo artístico desenvólvense no Teatro de la Calle e no Circo, onde adquire a experiencia que máis tarde lle abre portas ao mundo do teatro e a televisión, onde colabora en diferentes programas como actor, presentador e mago. Desde o ano 1992, sen abandonar a súa actividade teatral, centra a súa carreira artística no mundo empresarial, sendo o primeiro en introducir en España a "Maxia Corporativa", aportando así unha nova forma de comunicar mensaxes para grandes empresas e multinacionais.
O seu éxito e estreita relación co sector de Entretemento Corporativo lévao a crear no ano 1997 "Solucións Máxicas", empresa que dirixe e que está dedicada á contratación artística e á realización e deseño de todo tipo de eventos.
A súa faceta artística, os seus dotes de gran comunicador e a súa formación en Psicoloxía, permitíronlle colaborar cos departamenteos de RRHH, impartindo charlas motivacionais como complemento a cursos de formación.
Recentemente é profesor titular no Real Centro Universitario Escorial-María Cristina, no programa Universitario de Ilusionismo "Wenceslao Ciuró".
Os seus espectáculos combinan o mimo, a maxia e o humor, e caracterízanse por ser especialmente participativos. A capacidade de Luis Boyano para a improvisación convérteo nun showman máxico capaz de transportar a un auditorio ás situacións máis hilarantes.