Exposición antolóxica de pintura de CARLOS BÓVEDA

Eventos
12/04/2012
12/04/2012
04/12/2012

Exposición antolóxica de pintura de CARLOS BÓVEDA

-

A Casa de Galicia en Madrid rende unha homenaxe durante todo o mes de decembro ao pintor de Pontecesures, Carlos Bóveda, cunha exposición antolóxica da súa obra, oito anos despois do seu falecemento. A mostra poderá visitarse nas tres Salas ata o 30 de decembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Nacido en 1933, Carlos Bóveda formouse traballando desde os quince anos como decorador na Cerámica Celta de Pontecesures, por onde pasaron artistas como Asorey, Maside ou Castelao. No ano 1948 iniciou a súa colaboración como debuxante cos xornais "Faro de Vigo" e "La Noche", ilustrando artigos e unha serie de fragmentos cerámicos e restos arqueolóxicos atopados ao facer as excavacións do peirao de Pontecesures.

En 1957 realiza a súa primeira exposición en Padrón. A súa pintura representa nestes primeiros momentos imaxes de Galicia, realistas e dinámicas.

No ano 1962 emigrou a Bos Aires, onde pasou 40 anos ata o seu emotivo regreso a Galicia en 2002, coa exposición "Reencuentro" en Santiago de Compostela.

En Arxentina estableceu contacto con outros artista emigrados como Laxeiro, Castro Couso, Geno Díaz e Solla, ademais de realizar múltiples exposicións individuais e colectivas e ser membro da comisión da cultura do Centro Lucense de Bos Aires.

Como autodidacta, Carlos Bóveda destacou por un eterno afán de superación que ía en paralelo a unha sobria tranquilidade como pintor, patente na súa pintura, cálida e inimiga das estridencias, onde a color xoga un papel fundamental. Galicia, omnipresente na súa pintura, foi a súa musa aos dous lados do Atlántico e foi tamén cuestión primordial tanto na súa obra como no seu pensamento. Bóveda contou a historia da súa terra desde un cariñoso humanismo que daba voz a paisanos e paisaxes, os grandes protagonistas dos seus cadros. Estes son costumbristas, cheos de mariñeiros, labregos, e gozan dun realismo expresivo que foxe das normas pictóricas situándose á marxe dos movementos artísticos propios da época.

04 Diciembre 2012
Eventos
Imaxes