Inauguración da exposición de escultura de pequeno formato de FRAN LAREO
Fran Lareo é un escultor autodidacta que nos achega nesta exposición a súa creatividade e paixón polos pequenos obxectos que xorden da súa relación reflexiva e fluída coa fantasía. Poderá visitarse ata o 31 de xaneiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
FRAN LAREO naceu en Brión (A Coruña). Realizou estudos de Informática de Grao medio en Santiago de Compostela. Escultor autodidacta, comeza no ano 1999 a deseñar e a realizar esculturas en pequeno formato no seu pequeno laboratorio da súa casa materna en Brión. Ao principio utiliza como material a madeira nobre, desta etapa conserva unha pequena colección de miniaturas que forman parte da colección particular. Máis adiante descobre un novo material a base de minerais diversos que el mesmo elabora no seu laboratorio e que lle permite despregar a súa creatividade.
Fran Lareo non é tan só un pintor, tamén é un investigador das formas, un creativo cunha vea sentimental e cunha grande experiencia como debuxante no espazo. El, como bo coñecedor das matemáticas e do mundo informático, é capaz de sintetizar as súas pezas. Conta coa capacidade necesaria para poder darlle forma e xeito a unha obra. Son as súas unhas obras feitas dun material a cabalo entre a pedra e a cerámica, cunha composición química que unicamente el coñece e á que lle aplica unha viveza e un colorido únicos, cheos de paixón. Xa sexan músicos, santos, animais, pastores ou coches, todo o que é susceptible de ser incorporado ao seu repertorio é reflexo da man e do pensamento deste home como creador.