Inauguración da exposición de escultura "SAUDADE", de Xosé Azar

Eventos
12/09/2013
12/09/2013
09/12/2013

Inauguración da exposición de escultura "SAUDADE", de Xosé Azar

-

A escultura de Xosé Azar é  unha extensión da súa poesía, cos mesmos motivos, que son fundamentalmente o home torturado e a muller como acollemento e paz. A exposición da súa obra caracterizada pola redondez das formas e o amor ás aberturas, poderá contemplarse ata o 29 de decembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

XOSÉ AZAR recibiu a ensinanza do famoso escultor cambadés Francisco Asorey na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal, Santiago de Compostela. Licenciouse en Filosofía na Universidade Complutense de Madrid e doutorouse na Universidade Autónoma de Madrid cun traballo que despois ampliou e profundou, entregado moitos anos a el, Vida masculino/femenina. De aquí naceron logo: Poética de Fondo, na que se rexeita a arte como simple xogo e reivindícase a volta ao sentimento, e Poética formal, onde se alcanzan por primeira vez unhas categorías poéticas formais, extensibles ás demais artes; actualmente está traballando no terceiro volume, que trata do drama, nas súas tres versións: imaxinario, real ou extraescénico e total ou festivo erótico e místico. É tamén froito destes estudos: Rosalía erótica y existencial, publicado en Madrid en 2010 e presentado nesta Casa, o 18 de novembro do mesmo ano, e A outra Rosalía, reunión de artigos publicados en El Correo Gallego, na primavera-verán de 2011, que pode consultarse en www.xoseazar.es, así como o resto da súa obra. Escribiu poesía, en galego e en español, publicada algunha e outra inédita, e teatro, o mesmo, tamén nos dous idiomas. Pero a escultura é agora a súa arte máis amada, porque pode expresar nela, directamente, o espírito como feminidade.

Xosé Azar é poeta, e a escultura é como unha extensión da súa poesía cos mesmos motivos, que son fundamentalmente o home torturado e a muller como acollemento e paz. A súa filosofía trata do mesmo; a vida para el é darse ou masculinidade e recibir ou feminidade en homes e mulleres, aínda que xeralmente o home é máis dativo e a muller máis receptiva. Pero para Xosé el é máis sufridor que ela, un ser inadaptado e anhelante; e o espírito, feminidade; o feminino, como se ve na mostra, é introvertido e receptivo, que acolle. Azar cre que Deus, se existise, tería que ser muller. A súa escultura é interior, en xeral.

09 Diciembre 2013
Eventos
Imaxes