Inauguración da exposición de fotografía "AS ÁRBORES DO BO CAMIÑO", de LUISA RUBINES
A volta ao ambiente rural, tras residir catorce anos nunha das capitais do mundo, inspira a última exposición fotográfica desta artista lucense que exerce como fotógrafa da natureza e da espiritualidade. A mostra poderá contemplarse ata o 1 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Luisa Rubines (Lugo, 1967). Licenciada en Arte e Novas Tecnoloxías pola Universidade London College of Printing (1999) e Master en Medios Audiovisuais pola Universidade de Westminster (2001). Paralelamente, realiza as súas primeiras exposicións fotográficas en Londres, España e Alemaña: "A Matanza do Porco", "Los Niños de la Calle" e "Mujeres del Mundo".
O seu seguinte traballo, a exposición "De Oca a Oca por el Camino de Santiago" presentouse de forma monográfica no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela (2004). Algunhas fotografías da citada mostra, forman parte da obra permanente deste museo.
Así mesmo, esta mostra puido verse tamén noutras exposicións colectivas: Universidade de Westminster; a galería vangardista Fields, Brick Lane (Londres, 2001), e "Con-Sentido" Chantada, 2002.
Anos máis tarde, completa a licenciatura de International Managenment Tourism, especializándose en desenvolvemento sostible pola Universidade Metropolitana de Londres, 2006. Os seus estudos compleméntanse coa asistencia a congresos especializados en novas tecnoloxías e medios audiovisuais no Victoria Albert Museum (V&A) e o Instituto de Arte Contemporánea (ICA), Londres (2006-2007).
No ano 2008, tras finalizar a súa formación académica en Inglaterra, regresa a Galicia e funda Quinta Sacra S. L. Unha empresa de servizos turísticos na Ribeira Sacra (Lugo).
Actualmente, Luisa Rubines alterna o seu traballo creativo coa xerencia de Quinta Sacra.
A súa volta ao ambiente rural, tras residir catorce anos nunha das capitais do mundo, inspira o seu último traballo. O retorno á Natureza con "As Árbores do Bo Camiño" (Lugo). Exemplo do esteticismo soñador no que as árbores, o río e o ceo -Terra, Auga e Aire- foxen da realidade terreal para mostrar o elemento fugaz e efímero da vida, nun perpeutuo adeus. O do legado da natureza cambiante transformada en obra de arte; o das árbores embelecidas pola morte baixo unha néboa irreal.
Estamos ante unha exposición de fotografías artísticas das árbores somerxidas nos encoros do río Miño, que, cando descende o nivel da auga, emerxen altivas con formas que reivindican e superan a beleza que no seu día tiveron cando estaban vivas. As árbores parece que flotan no silencio, a beleza, a sensibilidade, a misteriosa e suxestiva néboa.
O seu interese polo desenvolvemento espiritual do ser humano volve a estar presente nesta última exposición na que a artista exerce como fotógrafa da natureza e da espiritualidade establecendo un contraste entre os paradigmas do mundo interior (o verdadeiro) e o exterior (de ilusión) onde habitamos. Unha composición na que prevalece sempre a imaxinación sobre a razón e que segue o camiño de inspiración do seu admirado William Blake, o poeta visionario.