Inauguración da exposición de fotografía "FAROS DE GALICIA", de TOÑO VILA

Eventos
05/05/2016
05/05/2016
05/05/2016

Inauguración da exposición de fotografía "FAROS DE GALICIA", de TOÑO VILA

-

O autor percorreu toda a costa galega para mostrar nesta exposición a arquitectura dos faros e a beleza da costa que os rodea, cunha mirada sen artificios, sen efectismos, facendo gozar ao espectador da estética do auténtico. A mostra poderá visitarse ata o 29 de maio, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

TOÑO VILA (Boiro, 1972) é afeccionado á fotografía desde moi novo e a súa formación é totalmente autodidacta.

En 1995 licénciase en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesión á que se dedica na actualidade.

A partir do ano 2000 participa en varios concursos fotográficos de ámbito local e comeza a interesarse máis profundamente polo mundo da fotografía.

A obra é basicamente paisaxística, e durante os anos 2014 e 2014 comeza  un proxecto no que percorre a costa galega fotografando os faros máis representativos. O resultado dese traballo dá lugar a esta exposición que aquí presenta.

Tal e como sinala Fernando Cortizo Rodríguez, prologuista do catálogo da exposición, "Toño Vila dedicou gran parte da súa vida a retratar o seu contorno, a mostrar a beleza de todo aquilo que nos rodea habitualmente, sempre desde unha mirada única, sincera e cun gran dominio técnico e compositivo".

O faro, que podería parecer o protagonista da súa exposición, adquire nas fotografías de Vila un papel secundario, deixando o protagonismo a outros elementos do contorno que, dependendo de cada espectador, levaralle a viaxes imaxinarias, recordos ou ensoñacións.

Nas súas fotografías destaca a soidade, case non hai presencia humana. O faro intégrase na natureza da costa galega, como unha peza máis.

05 Mayo 2016
Eventos
Imaxes