Inauguración da exposición de fotografía "UNHA MIRADA", de Gonzalo Hernández-Vallejo
Este fotógrafo, especializado en cinematografía, presenta unha selección de imaxes de natureza urbana que pretende transmitir algo máis que a mera contemplación estética; busca que o espectador se implique e reflexione ante o que ve. A mostra poderá contemplarse ata o 29 de maio, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
GONZALO HERNÁNDEZ-VALLEJO (Madrid, 1991). Estudou na escola Internacional de cine e televisión de París (EICAR), especialidade en cinematografía. Mentres tanto, compaxina os seus estudos de cine coa práctica da fotografía.
Formouse academicamente no Bachelor in Fine Arts in Cinema (Cinematography Major). Grao de Cine (especialidade en cinematografía e segunda especialidade, realización). EICAR, París, 2012-2015.
Foi director de fotografía en "One minute of eternity". Francia. A. Nawab Ficción, 4 minutos (inglés); "Satellite riders" Alemaña/Bélxica. A. Haapasari, B. Ahmadov. Documental, 8 minutos (azebaiano, inglés); "The council of the forgotten". Francia. R. Waiganjo. Ficción, 6 minutos (muda); "God"s favourite son". Francia. S. Simcox. Ficción, 10 minutos (inglés). Premio do Público competición Cercle Rouge. Decembro 2015 St. Denis, Francia. "G"old fish". E. C.: Pickens Animación, 5 minutos (muda). Premio Albert R. Broccoli mellor película, Cinematheque Français. Decembro 2015; "Home away from home". Francia M. Gleeser. Ficción, 12 minutos (francés).
Como realizador, participou en "Boiling Point". Francia. 8 minutos (francés). Curtametraxe plano secuencial de 8 minutos.
Tal e como comenta Manuel Quintana Martelo, artista e presidente da RAGBA e prologuista do catálogo desta exposición, "desde sempre a mirada na arte foi o principal argumento para que a mensaxe chegue e sexa interpretada polo observador". "Ter algo que dicir e saber como dicilo" é unha máxima que está vixente na fotografía de Gonzalo Hernández-Vallejo.
O fotógrafo ten unha idea e sabe discriminar coa imaxe o que a súa mirada observa; non se conforma coa solución casual, co que queda na superficie, senón que vai un pouco máis aló. Manexa a idea que quere comunicar como medio para achegar á reflexión do que o contempla e así poder extraer as súas propias conclusións.
O seu proxecto encerra todo un mundo de inquietudes e preocupación polo mundo que lle toca vivir.