Inauguración da exposición de fotografía "Viaxe polos lagares rupestres de Galicia. As pedras que facían viño", de SERVINO CONSULTING
No transcurso do acto presentarase o libro do mesmo título, de Luis & Alejandro Paadín, no que se reproducen as fotografías expostas. A mostra poderá visitarse ata o 23 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
O viño chegou a Galicia da man dos romanos, e a pedra volve deixar testemuño diso.
O enólogo e catador Luís Paadín empezou no ano 2005 a investigar a existencia de lagares rupestres e froito deste traballo publicou un estudo "Lagares Rupestres de Galicia. Pegadas da historia vitivinícola en Galicia". O enólogo localizou 31 lagares en Galicia e, segundo as súas noticias, pode haber outros tantos, aínda por catalogar. Sobre estes lagares labrados en roca machucábase a uva para obter despois o viño, ben pisándoa -os menos- ben mediante prensas romanas que se asentaban sobre estas estrutura pétreas.
Segundo os datos de que dispón Paadín, estes lagares foron construídos entre os séculos II e V despois de Cristo e a maioría atópanse na provincia de Ourense, especialmente na zona da Baixa Limia. A ruta dos lagares rupestres continúa cara ao norte de Portugal, onde se acharon un centenar.