Inauguración da exposición de gravado "FALANDO PARA O COLO DA CAMISA", de Isabel Somoza
Artista lucense, apaixonada polo mundo do gravado, a súa continua investigación técnica lévaa a experimentar sobre soportes alternativos, como as resinas de poliéster, vidro ou tecidos. Nesta exposición poderase contemplar o seu traballo con elementos de sastrería, estampando as súas obras sobre colos de camisas e puños.
A mostra estará aberta ao público ata o 27 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
ISABEL SOMOZA GARCÍA (Lugo, 1973). É licenciada en Belas Artes e Técnico en gravado e estampación. Dirixe desde 1999 o centro de gravado Augatinta, en Lugo, punto de encontro para artistas e gravadores, onde aprender as diferentes técnicas gráficas e intercambiar coñecementos.
Investigadora incansable no campo da gráfica, creou un novo proceso de gravado (gravado ao carbón) adaptando diferentes materiais da industria, aplicándoos de foma novedosa na súa obra (termoimpresión, estampación ao carbón, estampación sobre pezas de cera, etc.).
A súa xa longa traxectoria colleitou abundantes éxitos, sendo premiada ou seleccionada en certames numerosas veces, como en 2004, que foi finalista na Bienal Internacional de Gravado de Taiwan (Museo de Belas Artes, Taipei) ou en 2013 cando recibiu Mención de Honra no Premio Atlante. Fundación do Gravado de Artes na Coruña.
Tamén participou en numerosos proxectos colectivos xunto cos gravadores Xabier de Sousa e Xosé Poldras e realizou as seguintes exposicións individuais:
2013 “Falando para o colo da camisa”. Museo do Gravado de Artes. Ribeira. A Coruña.
2012 “Falando para o colo da camisa”. Taller Chicoria, Vigo.
2008 “Experimentos xenéticos”, Amararte, Lugo.
2005 “Navegantes” Centro + Obra Gráfica Galega, Vigo.
2000 Gravados na Sala Bacabú, Lugo.
1999 “Puzzle” Sala de Arte de CaixaVigo, Vigo.
1995 “Lvcvs Bosque Sagrado”, Sala de arte do Banco Gallego.
No seu taller de Lugo dá renda solta á súa enorme creatividade creando unha obra realmente interesante, pero ademais é capaz de converter ao público en cliente coas súas coleccións de tarxetas e invitacións artesás, orixinais e personalizadas que suponen en si mesmas pequenas obras de arte.
Para Santiago Catalán, prologuista do catálogo desta exposición, Isabel Somoza recolle nesta exposición “unha parte das súas enigmáticas obras sobre estes humildes soportes e mostra aquí o lado máis íntimo e persoal desta artista que produce en pequenas doses unha das obras máis interesantes e silenciosas dos artistas lucenses deste tempo”