Inauguración da exposición de gravado "OBRA GRÁFICA", de Nuria Pena
Ata o 25 de setembro poderase visitar a mostra da artista lucense Nuria Pena, na que desprega unha enorme riqueza de recursos técnicos e artísticos aplicados aos seus gravados-colaxe de pranchas calcográficas sobre tinta de tóner. Horario: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Nuria Pena, printmaker, como a ela lle gusta ser nomeada, investiga e experimenta no campo do gravado, o debuxo, a pintura, a colaxe ou a fotografía, por citar as súas técnicas máis profusas.
No seu estudo coruñés a artista toma distancia e examina despregando no chan as súas obras que axustan e harmonizan fotografías integradas en gravados para reflexionar sobre o tempo das imaxes.
Jaime G. Lagvane, prologuista do catálogo desta mostra, sinala que Nuria desprega nesta exposición unha enorme riqueza de recursos técnicos e artísticos aplicados aos seus gravados, como as pezas Paisaje (2000), Sin Título (2000) ou Campidoglio, colosais composicións-colaxe de pranchas calcográficas sobre tinta de tóner. Noutras obras da mostra, como Llovía su vida, frente a sus ojos, espectáculo quieto (2000), Colosseo ou El espacio exhausto I (1999), Nuria aplica outras técnicas como a augaforte, a augatinta ou a litografía con veladuras de singular beleza obtidas co po de tóner, logrando un efecto máis sutil.
A utilización do círculo como símbolo de perfección e unidade interior introdúcese en obras como Focus, Meditación (2013) ou The Fog II (2013), combinando impresións dixitais pigmentadas mediante estampa dixital, aplicando técnicas sobre PVC.
Sen embargo, máis alá do virtuosismo técnico disposto, obras como El tiempo se desliza ou El Paseo explican que Nuria Pena é posuidora dunha poética intimista e lírica innegable que vinculan á artista, na súa proximidade á natureza, á errancia da mellor tradición romántica.
Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Bolseira pola School of Drawing and Painting, Heriot Watt University, Edimburgo. Finaliza os Estudos de doutoramento pola Universidade Complutense de Madrid. Tema de investigación: "Edicións ilustradas do Quixote", en colaboración co proxecto levado a cabo pola Calcografía Nacional e a Spanish Society de Nova York. Bolseira pola Academia de España en Roma, especialidade de gravado.