Inauguración da exposición de pintura (1997-2017), de CARMEN IGLESIAS
Discípula do mestre Fernando Martín, a pintora santiaguesa presenta unha selección da súa obra pictórica máis representativa, que destaca pola súa sensibilidade e onde predomina o bodegón, a paisaxe e o retrato, case sempre vinculados ás súas orixes galegas.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de outubro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Naceu en Santiago de Compostela en 1945. Reside en Madrid pero pasa longas tempadas en Vilaxoan (Vilagarcía de Arousa), o pobo da súa nenez.
Iniciou a súa formación pictórica de forma tardía, xa en 1988, co mestre Fernando Martín, a cuxo taller asistiu durante varios anos. Desde entón veu entregándose á pintura con dedicación crecente.
Actualmente pinta no estudo do pintor Antonio Mateos Prieto.
Aínda que cultiva tanto a paisaxe como a mariña, o bodegón ou o retrato, os temas aos que permanentemente retorna, marcada pola súa feliz infancia en Galicia, son o mar e o xardín familiar.
Alcanzada agora a súa madurez, cre que é bo momento para mostrar algo da súa obra destes trinta anos, obra na que, como unha inmutable constante, se trasluce permanentemente o seu amor a Galicia.
A súa ferramenta básica á hora de pintar é a sensibilidade.
Unha sensibilidade que se manifesta de diferentes maneiras segundo a temática que aborde. Tal e como comenta Luis Garrido Medina, catedrático de Socioloxía da UNED e fotógrafo, no catálogo desta exposición, a artista móstrase "respectuosa e estética nos bodegóns, ás veces case figurativa polo acerto en seleccionar o esencial, [ ] Cos xardíns hai unha vontade entrañable de memoria. De gardar as sensacións dos espazos vividos [ ] Para as persoas hai maior detemento. Os rostros piden o recoñecemento. Débese saber que se lles quería. Non son retratos, son escenas de agarimo [ ] Nas paisaxes a creatividade e a apropiación son máximas. Desprégase a liberdade de ver o mundo para elaborar unhas imaxes nas que as exquisitas combinacións de cores líbranse de ataduras e o atrevemento non quere ser limitado pola realidade."