Inauguración da exposición de pintura "CRÓNICA DE GALICIA", de ANTONIO GONZÁLEZ
Xornalista e pintor vocacional, Antonio González presenta unha colección de paisaxes urbanas de Galicia, pintadas por el ao longo dos últimos 15 anos, na que figuran obras de Pontevedra e Vigo aínda inéditas. Esta selección de cadros poderá visitarse ata o 28 de xuño, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
ANTONIO GONZÁLEZ GARCÍA é xornalista de longa traxectoria profesional e pintor vocacional tamén de veterana experiencia, a cal é a súa actual dedicación. Na súa actividade como xornalista, foi redactor xefe de "Pueblo" e "Informaciones", de Madrid -ambos desaparecidos-, que foron unha prestixiosa canteira de bos profesionais deste oficio. Deste último xornal foi director nun breve periodo de reaparición. Nunha segunda etapa, traballou no Concello de Madrid como director dos servizos informativos, entre os anos 90 e 97. Por último, estivo máis de dous anos en RTVE, onde ocupou o cargo de director de Coordinación da Dirección Xeral.
Na súa actividad como pintor, a súa principal experiencia concrétase nos últimos quince anos, cando iniciou as coleccións de paisaxes urbanas, alternando con outros temas, especialmente mariñas e relevos. O resultado desta nova etapa concrétase nunha serie de coleccións, baixo o título xenérico de "Crónicas", principalmente inspiradas en paisaxes urbanas de Galicia das que presenta na Casa de Galicia en Madrid unha selección.
No prólogo do catálogo desta exposición, Bieito Rubido, director de ABC, fálanos da historia desta mostra, que agora da a coñecer na Casa de Galicia en Madrid. Así, apunta que, tras visitar en Madrid a súa primeira exposición sobre paisaxes urbanas da capital, comentoulle a posibilidade de facer algo similar sobre A Coruña.
Na exposición de "Crónica de A Coruña" puido ver un pintor que conseguiu darlles alma e atmosfera a perspectivas urbanas aparentemente frías. A luz dos seus cadros é limpa, case mediterránea, e, porén, húmida, fresca, atlántica..., como se navegase sobre a cor. O pintor, nesta exposición, descobre aos coruñeses unha cidade nova, coa súa elegancia e beleza. Estas son as constantes que se manterán en todas as súas exposicións.
Dous anos máis tarde expuxo en Santiago a súa segunda "Crónica", e foi nesta etapa na que perfeccionou unha das súas máis características especialidades: plasmar as rúas vernizadas de chuvia e de orballo. Define de xeito moi gráfico que os tres elementos que caracterizan as paisaxes urbanas da Galicia histórica son a pedra, o cristal e a chuvia. E foi en Santiago onde o pintor afianzou o seu estilo peculiar, que define como "descritivo", e que Rubido define como realismo máxico.
Contaxiado polo ambiente propicio e favorable, xurdiu de xeito espontáneo o compromiso de realizar "Crónicas" sobre as cidades de Pontevedra e Vigo.