Inauguración da exposición de pintura de VICTORIA GÁNDARA

Eventos
05/04/2017
05/04/2017
04/05/2017

Inauguración da exposición de pintura de VICTORIA GÁNDARA

-

A pintora toma os pinceis para proxectar a súa forza ou a súa tenrura, a súa capacidade de captación, a súa decisión de reflectir as súas procuras sobre o lenzo. O xesto contido pero resolto, a pincelada sutil pero vigorosa, a harmónica maneira de entender a cor fálanos tamén da súa sensibilidade. 

Mostra de pintura figurativa con tendencia á abstracción, onde a realidade serve de pretexto para innovar e crear, xogando coa cor e as texturas. A obra está realizada con técnica mixta onde predomina o "colaxe", que poderá ser contemplada ata o 31 de maio en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Nada en Borja (Zaragoza) é Doutora en Medicina e Cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid. As artes plásticas que domina son a pintura e o gravado.

É membro da Asociación Española de Médicos Escritores e Artistas e da Asociación Española de Pintores e Escultores.

Desde nena sentiu profundamente a necesidade de expresar emocións por medio do debuxo e a pintura, probablemente influenciada polo mundo que rodeaba á súa nai, a quen consideraba unha gran artista.

Os seus inicios foron moi técnicos e baseados na realidade, para posteriormente deixarse levar pola intuición e a cor, sen unha norma concreta, nin unha única maneira de proceder.

No ano 1998 perfeccionou a súa formación no Taller do Prado con diferentes pintores, seguindo ligada a el ata a actualidade. A partir de 2005 traballou baixo a dirección de Francisco Molina Montero, responsable do devandito taller, quen prologou o catálogo desta exposición.

Segundo as súas palabras, Vitoria Gándara "pasou da aplicación dunha pintura directa á colaxe e ás técnicas mixtas, despregando un fantástico abano de texturas, superposicións de cores e matices que dotan a súa obra dunha gran riqueza e expresividade, sen perder a coherencia e a harmonía e sen abandonar esa sensibilidade tan especial que sempre a acompañou. Na súa obra recente hai unha verdadeira pugna entre a súa preocupación por representar o mundo real e os procedementos pictóricos. En ocasións, esa dialéctica lévaa a potenciar as calidades pictóricas sobre o seu desexo de desentrañar a realidade, e é nese máxico equilibrio onde tenta atopar o seu propio espazo.

A súa temática non cambiou no substancial, segue pousando a súa mirada sobre eses aspectos cotiáns da vida e transcende o aparentemente pequeno e sinxelo cunha gran riqueza expresiva e unha íntima beleza que a converte nunha artista no máis amplo sentido da palabra."

04 Mayo 2017
Eventos
Imaxes