Inauguración da exposición de pintura "DESDE O LIMIAR DA COR", de Farruco Mosteiro
Artista multidisciplinar, Farruco Mosteiro presenta unha pintura en estado puro, sen ideas prefixadas e que non coñece de condicionamentos, establecéndose así unha comunicación libre co espectador. Esta exposición poderá contemplarse ata o 29 de xuño, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Durante toda a súa vida tivo unha inquietude plástica, que desde sempre, e como autodidacta manfiestou en debuxos, pinturas e pequenas esculturas. A cor ben manexada polo artista oficia de limiar, de porta de acceso cara ao ilimitado.
Farruco domina a danza, a música e a pintura, todas elas disciplinas vinculadas e asociadas á íntima pulsión do ritmo.
O seu primeiro contacto a nivel académico é co pintor Pucho Ortiz. Máis tarde asiste ao taller de Alberto Carpo, tamén pintor, onde realiza estudos e diversas colaboracións.
Con anterioridade cursa estudos de música no conservatorio da Coruña, e de ballet clásico na escola de artes coreográficas da Coruña, no conservatorio de música e danza de Madrid e no Institut de Danse Altés-Periphanos, en Bruxelas.
Comeza a dar a coñecer a súa obra no ano 2005, nunha exposición individual de pintura no Café Universal da Coruña. A partir de aí son moitas as exposicións realizadas, entre as cales destacamos a exposición de pintura "Eternidade", no Café de Macondo da Coruña (2010); a exposición "Cara a un mundo interior", na Asociación de Artistas da Coruña (2011); a exposición titulada "Color En Si", na antiga casa Jesusa na Coruña (2012); a exposición "Composición escénica", no Café de Macondo da Coruña (2012); deseño de xardín vertical "lenzo vexetal" para o Concello da Coruña (2013) e no ano 2014 a mostra "Manifesto da Alma", na "Sociedad Liceo", de Noia.