Inauguración da exposición de pintura e debuxo, de CONSTANZA DE SALAS

Eventos
10/01/2013
10/01/2013
01/10/2013

Inauguración da exposición de pintura e debuxo, de CONSTANZA DE SALAS

-

Pintora de longa traxectoria, Constanza de Salas presenta unha mostra da súa pintura, de temática variada, cun atractivo contraste de luz, cor, movemento e paixón. A exposición poderá visitarse ata o 30 de outubro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

CONSTANZA DE SALAS naceu na Coruña e cursou os seus estudos en Madrid. O seu primeiro mestre, co que aprendeu case todo o que sabe, foi Manuel Mingorance. 

Con pincelada forte e tremendamente contundente, a pintora elude o detalle para evitar que as anécdotas traizoen a emoción visceral da mensaxe. Aínda que na súa pintura non existe un tema prioritario porque todo depende do seu estado de ánimo -paisaxes urbanas de Galicia, xardíns, interiores, bodegóns, postos do parque de El Retiro, figuras-, Constanza de Salas non escolle o que vai pintar cada día, xa que son os temas os que a elixen a ela co seu movemento e iso é o importante de cada un dos seus cadros: a luz, a cor e o movemento.

Por se tratar dunha pintora con moito oficio, de trazo firme e debuxo perfectamente estruturado, Constanza de Salas permítese darlle a volta a cada idea unha e outra vez, engadindo liñas vigorosas coas que analiza o interior de cada rúa, de cada árbore... analiza o interior do aire que todo o envolve, para lle dar forma e cor a cada obxecto, buscando a súa "imaxe real", a que esconde baixo a coiraza que estamos afeitos a ver, porque todo canto pinta, aínda que naza dunha idea rápida e espontánea, é froito dun estudo meticuloso co que examina todas as súas partes, sente o seu peso, o seu tacto, o seu olor e o seu sabor.

A súa composición, aínda que teña unha aparencia sinxela, posúe unha formulación impecable de contrastes de luz e cor, onde a súa pincelada longa funde as distintas formas, ao tempo que evita o detalle anecdótico destas. A Constanza de Salas non lle interesan as formas en si, senón o seu movemento, para rescatar a plasticidade do óleo sobre o lenzo, xogando coas tonalidades e, en moitos dos seus cadros, este aspecto é incluso máis importante ca o propio motivo, que pasa a se converter nunha escusa para pintar, mentres o trazo recobra vida propia.

Hai que destacar a poderosa presenza da luz, cuxa vitalidade expresa coa creatividade da súa pincelada, que modela manchas vibrantes que acentúan os contrastes da cor coa finalidade de seducir o espectador, arrastrándoo ao instante emocional no que Constanza de Salas creou a obra. 

01 Octubre 2013
Eventos