Inauguración da exposición de pintura e escultura "MESTURAS", do Colectivo de Artistas AGAEC
Interveñen nesta exposición Alberto Sabino Miraz Pérez, Beatriz Barcia, Constantino Cuesta Ibáñez "Tino", Doroma, Isabel Rodríguez Galán "IRGALÁN", Marina Domínguez, Mary Carmen Calviño Iglesias, Ramón González-Alegre Burgueño, Rosa Díaz Beloso e Victoria Rodríguez Solórzano, todos eles pertencentes á Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC). A mostra poderá visitarse ata o 29 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
A AGAEC (Asociación Galega de Arte e Cultura) móstralles a través desta exposición unha variada selección de obras de diferentes artistas pertencentes a ela.
A proxección do pensamento do artista, expresado nun lenzo, nunha escultura, ou en calquera manifestación plástica, a través desta mostra, pretende que as ventás do cerebro, os ollos, do artista e do observador conflúan, vexan o mesmo e logren que o binomio artista-obra faga unha metamorfose máxica e pase ao trinomio artista-obra-observador.
Con esta exposición os artistas tratan de representar algo que está por enriba da nosa realidade diaria, dos quefaceres diarios, das rutinas, da monotonía, de todo o regulado. Asimesmo pretenden que os visitantes desta exposición vexan o que hai detrás de cada trazo, que participen das súas obras e que, en definitiva, logren chegar ata as claves da súa sensibilidade.
AGAEC é unha entidade creada no ano 2004, e ten como finalidade difundir e promover a arte e cultura galega en tódalas súas manifestacións.
Os artistas asociados a AGAEC traballan tentando fomentar a interculturalidade, abrindo novas canles de coñecemento e expansión da riqueza intelectual dos creadores, mesmo desenvolvendo o intercambio con outras comunidades fóra de Galicia, así como con outros países máis alá das nosas fronteiras.