Inauguración da exposición de pintura e gravado, de PEPA DOMINGO

Eventos
07/05/2016
07/05/2016
05/07/2016

Inauguración da exposición de pintura e gravado, de PEPA DOMINGO

-

A artista, de orixe valenciano, pero durante moitos anos residente en Galicia, presenta unha colección de pinturas e gravados moi completa, dúas expresións complementarias que ofrecen unha visión global do seu particular mundo creativo.

A mostra poderá visitarse ata o 29 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Mª José Domingo Pérez-Ugena é licenciada en Belas Artes na súa terra natal, Valencia (1982). Profesora agregada de Bacharelato desde 1982, Doutora en Belas Artes e Premio Extraordinario de doutoramento pola Universidade de Salamanca en 1997, Catedrática de Debuxo desde 2008. Técnico Superior de Gravado e Estampaxe en Almería desde 2014.

Comparte a creación artística co traballo de investigadora da arte, profesora de cursos na Universidade sobre o seu tema de investigación O Simbolismo Medieval "Bestiario na escultura das  igrexas románicas da provincia da Coruña. Simboloxía" e coa docencia nun Instituto de Ensino Medio.

Ela define a súa pintura como figurativa, sinalando que pasou por distintas etapas, ao principio era impresionista, para logo discorrer por unha fase na que predominaba a cor sobre a forma.

Hoxe en día tende a ser máis cubista e unha característica que define a súa obra é a luz, as variacións da mesma e o que afecta ao colorido das formas.

Durante moitos anos residente en Galicia, integrou a paisaxe galega á súa particular linguaxe plástica, conseguindo luminosas composicións de tons esmeralda e azul turquesa, que reciben a calor dos seus complementarios rosados, avermellados ou laranxa.

Con respecto á súa obra gráfica, é o debuxo quen crea as formas. Presenta unha colección de gravados nas técnicas da augaforte, serigrafía e litografía nas que demostra o seu espírito viaxeiro e as súas ansias de coñecer. Son estampaxes de pequeño formato, nas que envorca as súas viviencias actuais e as súas viaxes por Europa onde destaca o seu dominio das liñas do debuxo e a sutileza das incisións que o van configurando. Nalgunhas das súas creacións aparece tamén a cor que vemos nas súas pinturas, onde volve ás formas de manchas e á liberdade fóra da liña.

05 Julio 2016
Eventos