Inauguración da exposición de pintura e gravado "DISOCIADOS", de RUT MARTÍNEZ LÓPEZ DE CASTRO
A obra de Rut Martínez é, ademais dun impacto visual de cor e formas, de liñas e espazos vacíos, de temas e simbolismos enigmáticos, unha invitación á reflexión do que a contempla, unha invitación ao noso propio coñecemento. A mostra poderá visitarse ata o 28 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Rut é unha artista que respira autenticidade e profundidade a partes iguais. A súa obra é un impacto visual para quen a contempla; coñecemento propio; esperanza; conciencia reflexiva, claridade. A formación de Rut, a cabalo entre España e Italia, mestura con mestría conceptos tan diversos como excitantes. Require do visitante un estado de profunda entrega. Doutra maneira é imposible descifrar a riqueza das súas mensaxes conceptuais.
Rut Martínez é profesora de Arte da Universidade de Vigo. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. Primeiro Premio de Pintura no "Certamen para Jóvenes Creadores" do Concello de Madrid. Primeiro Premio de Debuxo no "IX Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude-95" organizado pola Xunta de Galicia. Mención Honorífica no Premio de Pintura "Cidade de Lugo". Mención Honorífica no "Certamen para Jóvenes Creadores de Iberoamérica".
Ampla experiencia expositiva coa participación en numerosas mostras individuais e colectivas.
Directora do espazo artístico Lápis de Buxo.
Exposición individual na Galeria Sargadelos de Milán (Italia). Exposición colectiva na Galería Ad-Hoc en Vigo 1998. Exposición colectiva de Mercedes Lence, María Álvarez e Rut Martínez na Sala Caixavigo, Vigo 1998. Exposición individual na Galería María Balteira de Santiago de Compostela en 1998. Exposición individual na Galería Projecto de Vila Nova de Cerveira (Portugal) en 1998. Exposición individual "Arte, Paisagem e Sentimento" na Fundação Maurício Penha en Sanfins do Douro (Portugal) en 1999.