Inauguración da exposición de pintura "GRAMÁTICA XEOMÉTRICA", de Fernando Lafuente
Apoiándose na base xeométrica, o artista e arquitecto Fernando Lafuente presenta unha exposición entre o rigor científico e a sensibilidade, centrado o seu interese na manipulación dos límites, buscando novas relacións entre a figura e o fondo e tratando de neutralizar as diferencias entre pintura e escultura a través de sistemas construtivos e pictóricos. Este traballo cromático e esforzo estrutural poderá contemplarse ata o 27 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Fernando Lafuente pinta taboleiros que descompón primeiro para compoñer despois segundo unha concepción xeométrica do espazo. Este proceso permítelle enriquecer o "debuxo" e os límites de cor, ademais de permitir que o vacío se comporte como unha peza máis. O plano en si mesmo e o plano no contexto, a ensamblaxe de planos, a pintura sen soporte, antes e en si mesmo como obra. Formar parte da obra e ser estrutura ao mesmo tempo.
Coa súa obra, o autor pretende incluír o soporte como pintura, desentendéndose do límite da obra e chegar á desaparición do soporte.
A súa obra está composta esencialmente de mosaicos, mutacións e articulacións infinitas de fragmentos, cromatismos e superficies. Un concepto da pintura como unha afirmación do visible que nos rodea e que está continuamente aparecendo e desaparecendo.
Trátase de estruturas sofisticadas, complexas, onde se apreza unha preocupación polo xeométrico que abre un espazo meditativo-simbólico que ten que ver en esencia con ritmos e musicalidades, con sutís variacións e repeticións, con temas e contrapuntos. Danzas cromáticas capaces de crear un clima emocional, unha poética ou unha paisaxe, velada e camuflada, pero trenzada e suxerida tamén.
Lafuente é arquitecto superior pola Universidade Politécnica de Madrid, licenciado en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea, Creación e Investigación pola Universidade de Vigo.