Inauguración da exposición de pintura "MIRANDO AO MAR", de Teresa Irisarri

Eventos
06/06/2017
06/06/2017
06/06/2017

Inauguración da exposición de pintura "MIRANDO AO MAR", de Teresa Irisarri

-

A pintura de Teresa Irisarri ten sen dúbida alma galega. Inspírase en mitos primitivos, pero tamén nos antigos contos infantís, eses contos que souberon transmitir os nosos medos e desexos durante xeracións.

Os seus cadros son de amplo formato e cores vivas. Grandes xanelas onde flotan embaixadores dos mitos, hipocampos ou sereas, seres imaxinarios que nos lembran poéticas moi antigas da nosa terra, poderán contemplarse ata o 30 de xuño, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

A arte pictórica de Teresa Irisarri é expresionista, con cores intensas, que transmiten paixón. Escapa das técnicas, pintar varias capas, o académico. Os seus trazos son case como os dun neno, ausentes de recursos técnicos clásicos. Prefire contar moito con pouco. Para ela é un pracer esta maneira de pintar, con contrastes moi fortes, rotundos, entre as cores. Os temas presentes nas súas pinturas sobre todo, son tres: o mar, a música e os dragóns e outras figuras mitolóxicas. A música é moi importante para ela pois lle transmite sensacións intensas, tanto se a escoita coma se toca a guitarra. E o dragón é o seu signo do zodiaco chinés; é a forza, o mitolóxico, o nobre. Gustaríalle que a mestura da pintura e a música nos seus cadros causase un efecto de sinestesia no espectador.

De Teresa Irisarri (Vigo, 1976) pódese dicir que é plena a súa vocación plástica de creadora total de enorme imaxinación, recorrente intenso mundo onírico, detentadora dun amplo espectro creativo que vai desde a pintura á cerámica, pasando pola serigrafía e deseño téxtil. Ata chapeus pintados a man.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense e a Facultade de Pontevedra, é unha autora que sempre vai ao seu aire, un vento que é o seu cosmos interior. Aínda que tamén ilustra libros, crea carteis e exerce de profesora de debuxo e pintura. Destaca na súa produción pictórica a forza expresiva acompañada dun intenso tratamento da cor. É unha artista excepcional dotada dunha enorme e complexa personalidade.

 

 

 

 

06 Junio 2017
Eventos
Imaxes