Inauguración da exposición de pintura "MÍTICOS NO LEITO", de J. Méndez "Pitelos"

Eventos
03/05/2018
03/05/2018
05/03/2018

Inauguración da exposición de pintura "MÍTICOS NO LEITO", de J. Méndez "Pitelos"

-

Colección figurativa que mostra diferentes personaxes mitolóxicos interpretados por persoas vinculadas á interpretación e ás Artes Dramáticas, co peculiar realismo figurativo de J. Méndez, que verte nas súas obras certas doses de surrealismo adobadas con pingas de humor absurdo.

A exposición poderá visitarse ata o 30 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

En ‘Míticos no leito" conflúen a  relación do artista coas artes plásticas e o audiovisual; xogando coa oportunidade dos seus modelos (actores, guionistas, técnicos, directores e escenógrafos) consegue crear unha visión alegórica e diferente da Mitoloxía Clásica.

Así, as figuras das obras encádranse en escenografías estrañas ou desprazadas temporalmente co obxectivo de buscar unha inadecuación orquestrada para sorprender ou inquietar ao público.

Trátase, por tanto, dunha mostra diferente na que o artista compostelán adapta o mito á persoa para ofrecer unha visión fresca e nova da Mitoloxía Clásica, á que tan afeitos nos ten a romanización do noso territorio, para darlle unha volta cara á retranca galega.

Xosé Manuel Méndez Rodríguez nace en Santiago de Compostela o 5 de setembro de 1956. Dedícase á pintura dende 1972, hai xa máis de 40 anos, desde que realiza a súa primeira exposición. Durante este período fundou xunto con outros dous pintores o grupo F.O.G.A. ao que se irán incorporando artistas doutros campos expresivos como a escultura, música, teatro, etc.

En 1982, membros deste primeiro grupo montan unha exposición "happening" baixo o nome de "Colectivo Tornillo" ao que se sumarán outros artistas. Nela leva a cabo unha montaxe expositiva na que, ademais da mostra, realízanse todo tipo de actividades, recitais poéticos, expresión corporal e a elaboración de diferentes montaxes nos que o artista fai de elemento condutor entre o público e o soporte. Nesta época empeza a interesarse polo mundo audiovisual, primeiro en teatro e ópera, para os que deseña e realiza escenografías, logo vídeo, fundando (Eidon Vídeo S.L.), Segunda productora rexistrada en Galicia.

Tamén traballa en diferentes filmes, entre os que destacan Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro ou Edipo e Techné de Ignacio Vilar. Pouco despois crea a empresa Escenoset da que é director artístico realizando traballos para televisión, ópera, teatro, museos, exposicións, e todo tipo de espazos efémeros.

En 2002 J. Méndez reincorpórase ao mundo da pintura por medio da actualización de escenas mitolóxicas gregas transportadas a espazos actuais, en 2006 participa na mostra Contos Dixitais no Centro Galego de Arte Contemporánea, logo, Ovo Vitae que define este elemento constante dentro da súa obra.

Máis tarde inunda a súa cidade en Santiago Marítimo, plastifica obra en Blister e teatraliza o Pazo de Fonseca cos Retratos con Alegoría. Consolart é a súa penúltima exposición individual sendo a última Míticos no leito, coa intervención como modelos de actrices, actores e outros personaxes vinculados ao sector audiovisual.

 

 

05 Marzo 2018
Eventos
Imaxes