Inauguración da exposición de pintura "NOVA OBRA", de Amador García Giménez
O artista aragonés de ascendencia galega preséntanos unha colección de cadros que contan os seus sentimentos e onde poderemos descubrir unha pintura chea de soños, un persoal imaxinario e un bestiario de seres reais e fantásticos. A mostra poderá visitarse ata o 31 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
AMADOR GARCÍA GIMÉNEZ. Nacido en Caspe (Zaragoza), 1944. Ascendencia galega por parte paterna. Pintor tardío e autodidacta, prodígase pouco en exhibicións e concursos. Algunhas das súas obras atópanse nos libros seguintes: Enciclopedia Ibérica 2000, Diccionario de pintores y escultores Españoles del siglo XX, Libro de El Arte en el Senado, Libro el Arte en C. y L. Diputación Provincial, Valladolid, entre outros.
A crítica ten destacado na produción de Amador a profundidade que acada a base de superposicións e expresionistas mesturas cromáticas e tamén o marcado predominio da cor. A súa pintura está chea de soños, un persoal imaxinario, un bestiario de seres reais e fantásticos. Amador é ademais dun creador de mundos, un artista sensible que ve o que moitos non son quen de percibir. Pintor virtuoso, cun grande dominio técnico e que ademais pinta o que ten que pintar sabendo como ten que pintalo.
O artista vai deixando pegadas propicias para o posteridade en cadros que logran básica animación estrutural sublimando aspectos da realidade cotiá, como obxectos de casa, utensilios domésticos, mesas, balcóns e lacenas, visións de xardín ou ámbitos paisaxísticos, calor floral o goce da luz e colorido, a través dos cales nos fai partícipes da emoción que aflora nas súas composicións.
Os seus cadros contan os sentimentos do seu autor con virtuoso encantamento no máis íntimo do seu ser. Formas e conceptos expostos cos atractivos singulares da máis esixente resolución. Escenarios con vida, reais e sinxelos, animadamente inanimados, pintados sen artificios, enfocados de maneira inusual, con gran perfeccionamento cromático. Amplos coñecementos da técnica así como da composición. Alcanzando cotas universais, estas son as altas metas que responden ós seus merecementos proclamando as excelencias pictóricas da súa irresistible alma de artista.
Así pois, nos seus cadros podemos descubrir as súas alegrías e as súas tristezas, así como a incerteza á que se enfronta o artista en cada cadro e á que ten que dominar para saír vitorioso nesa loita. Preocupado pola idea, confusa ao principio, pouco a pouco vaise consolidando e transformándose en figuras. En canto ás sinfonías de cores, ora se encontran firmes e atrevidas aínda que nunca ácidas, ora suaves e acolledoras, e sempre demostran unha sensibilidade exquisita.