Inauguración da exposición de pintura "A REALIDADE AO DESCUBERTO", de SOLEDAD FERNÁNDEZ

Eventos
11/06/2012
11/06/2012
06/11/2012

Inauguración da exposición de pintura "A REALIDADE AO DESCUBERTO", de SOLEDAD FERNÁNDEZ

-

Esta pintora madrileña está considerada pola crítica como unha das mellores pintoras realistas do momento, sendo un dos seus temas favoritos o corpo humano, sobre todo, o espido da muller sempre envolta en papeis, teas... o que dá á obra una certa maxia e misterio. A exposición poderá visitarse ata o 30 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

SOLEDAD FERNÁNDEZ estuda durante sete anos no taller do pintor da Escola Sevillana, José Gutiérrez Valle. É, polo tanto, unha pintora de "taller". Posteriormente, segue debuxando no Círculo de Belas Artes de Madrid e participa en varios concursos de arte actual. Nos anos 80 visita e estuda arte en París, Londres, Roma e Venecia, profundando cada día nas técnicas xa aprendidas en Madrid.

En 1987 expón en Londres na Sammer Gallery e posteriormente en Madrid, El Escorial, Barcelona, Palma de Mallorca... Tamén acode a feiras nacionais e internacionais como a de Washington, Chicago, Santander, Valencia, Miami...

En 1987 concédenlle o 1º Premio de pintura estranxeira (ex aequo) XXIX Certame Internacional "Grolla d'Oro de Treviso", Venecia, e en 1989 obtén o 1º Premio do VI Certame do Premio de Pintura Durán.

As súas obras poden ser contempladas nos seguintes museos: Musée Quentovic (Le Touquet, Francia), National Museum of Fine Arts (La Valletta, Malta), Cathedral Museum (Medina, Malta), Museo Bayo (Cádiz), Museo da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid), e Museo de Debuxo "Castillo de Larrós" (Huesca).

A pintora domina á perfección a técnica para crear a súa Arte: corpos femininos de contrastes perfectos das súas liñas; conxugando as formas, a luz, as proporcións, os volumes redondeados. O colorido da pel das modelos, a tersura das súas faces e corpos, os fondos, moitas veces de augas cristalinas do mar ou de ríos, teñen un encanto especial, mestura da sensualidade a flor de beizos e á vez dunha sensibilidade e un misterio nada desdeñables.

Exhibición de beleza, incluso momentos de provocación nos seus espidos, tanto nos seus óleos como nos seus debuxos ou nas súas obras realizadas ao pastel, técnicas nas que é consumada especialista.

O seu realismo non ofrece dúbida ningunha, e a artista non amosa nin un punto de acceso ao abstracto, aos contemporáneos sistemas actuais. O dominio dun debuxo de proporcións exactas, rostros belos lixeiramente maquillados envoltos nunha atmosfera máxica e misteriosa, logrados grazas ao dominio total da color, da luz, das transparencias, que logran mediante perfecta expresión das escumas da auga, dos reflexos do sol sobre a area, e sobre as enrugas das roupas brancas sobre as que apenas unha flor ou un fío de tea serven para un contraste buscado á mantenta.

As obras de Soledad Fernández son unha continua sorpresa para o espectador que pode encontrar escondidas mil historias entre os límites do cadro. Poderiamos dicir que os seus retratos teñen moito de literarios, pois non se limita a pintar o que ven os seus ollos, senón que penetra no interior das modelos e recrea ao seu arredor un mundo de soños, de ilusións, de emocións perdidas.

A pintora parte sempre da realidade, pero non evita a ensoñación, o surrealismo. Pinta nuns escenarios que non son os comúns, porque o nu entre papeis, entre plásticos, convérteo nunha obra surrealista. Trátase dun realismo máxico, que leva ás súas obras máis alá do prosaico da vida cotiá. 

06 Noviembre 2012
Eventos