Inauguración da exposición de pintura "SE NON VOLVES E SE TE PERDES", de JORGE ESPIRAL
Nesta exposición Jorge Espiral presenta acrílicos sobre tea traballando variados episodios temáticos, algúns moi manidos, como os toureiros ou o entroido, pero outros máis orixinais como as súas reinterpretacións pop das Meninas ou os seus deliciosos bodegóns de cuncas e cafeteras, quizais as súas obras máis logradas.
Todos eles presentan un gran atractivo visual e decorativo a través do dinamismo dos valores plásticos que extrae de figuras e obxectos, máis sorprendente no caso dos obxectos máis cotiáns, aos que dota dunha máxica, moderna e suxestiva irrealidade achegándose nalgúns casos á estética da nova figuración.
A mostra poderá visitarse ata o 31 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Jorge Espiral nace en Lugo en 1964. De temperá vocación polo debuxo, comeza pintando cómics na súa etapa estudantil.
Aínda que de formación fundamentalmente autodidacta, recibe clases de Jesús Blas Lourés, con quen aprende os diversos procedementos pictóricos.
Forma parte do grupo "Bacabú", xunto a Santiago Catalán, Xermán Refojo, Honorio e Bordell, con quen expón de forma colectiva entre os anos 1998 e 2005, grupo ao que o Museo Provincial de Lugo dedica unha exposición en 2008.
Realiza a súa primeira exposición individual en 1988, "A Sardiña Bébeda", na Deputación de Lugo. A súa primeira exposición colectiva é con motivo dunha exposición para recadar fondos para UNICEF, en 1987. Desde entón mais de vinte exposicións individuais e case un centenar de colectivas mostraron a súa obra en Lugo, Chantada, Sarria, Ourense, Santiago, Coruña, Ferrol, Vigo, Madrid, Barcelona, Sevilla, Xixón, Marbella; pero tamén fóra de España, en Bosnia, México, Korea, Inglaterra ou Hawai puideron contemplar as súas obras.
Premio de adquisición na "VIII Exposición Internacional de Mini Gravado" en Cadaqués, en 1988 e 1990, terceiro premio no "VI Certame Galego de Artes Plásticas", accesit no "II Certame Galego de Arte Domínguez Guizán", en Begonte (Lugo) de 1991, segundo premio na "XXI Bienal de Arte Galega" Meigas e Trasgos de 1992 en Sarria, (Lugo) e primeiro premio na "XXIII Bienal de Arte Galega" Meigas e Trasgos de 1994 en Sarria, (Lugo).
Realizou ilustracións para diversas publicacións: "Ninguén está só". Editorial Tris Tram. 2001, "Poemas e Contos da Muralla". Edición Exmo. Concello de Lugo. 2001, "Cento sete Marés" Editorial Esmelgar 2003, "Navia, Nai" Servizo de publicacións da Diputacion Provincial, Lugo 2005.
Desde 2010, Jorge dirixe a Galería A Catedral de Lugo.
Jorge Espiral podemos consideralo como un pintor clásico que conta cunha longa traxectoria que cumpre á machada os postulados da primeira vangarda: o cubismo analítico, cuxos parámetros contemplamos nas súas obras: descomposición xeométrica da natureza, fragmentando liñas e superficies, predominio da liña sobre a cor e novo tratamento perspectivo.
Espiral presenta o valor engadido de mostrar unha personalidade moi definida, ser sempre el mesmo mantendo a súa orixinalidade, aínda sen saírse dos moldes preestablecidos do cubismo. Paradoxalmente este férreo encorsetamento estilístico, que noutros pintores actuaría como molestia, para o artista resulta un acicate para desenvolver a súa creatividade, que concreta a través do recurso clásico das series.
O artista busca e consegue unha formulación arquitectónica ordenada de figuras e obxectos elaborada a partir dos seus elementos construtivos. Basea as súas análises plásticas na transcrición da identidade construtiva do obxecto e nos seus cadros ofrece un dinámico xogo no que se funden unhas formas con outras, logrando un ritmo a través da cor.
O pintor descarta as paletas rutilantes, en aras de matices equilibrados e harmónicos, basculando entre obras que están marcadas por intensas gamas frías nas que predominan brancos, negros e azuis intensos, negros, a cadros máis cálidos salpicados por notas ocres e avermelladas.