Inauguración da exposición de pintura "XEOMETRÍAS", de Peña Romay

Eventos
10/01/2014
10/01/2014
01/10/2014

Inauguración da exposición de pintura "XEOMETRÍAS", de Peña Romay

-

Este pintor lucense de formación autodidacta mostra nesta exposición unha libertade artística fusionando a técnica, a simplificación de formas e o toque do pincel. Esta mostra poderá contemplarse ata o 30 de outubro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Peña Romay (Lugo, 1952) estuda formación profesional e enxeñería, desenvolvendo a súa actividade laboral como técnico na industria eléctrica, compaxinando esta faceta coa pintura, a súa grande paixón. Aínda que a súa formación artística é autodidacta, compleméntaa con talleres de pintura, debuxo e técnicas de gravado.

Foi galardoado con distintos premios, accésit e mencións de honra en diversos certames de pintura. Realizou ilustracións para a obra poética de Xosé Otero Canto, En esta silandeira Cremalleira de auga (Río Miño), e para a revista poética lucense Xistral.

A súa obra foi exposta por distintas cidades galegas, formando parte de coleccións públicas e privadas.

Presenta unha colección de óleos e acrílicos de mediano e gran formato dos que sobresaen as paisaxes urbanas e algún tema de mar; sempre relativos a algunha cidade ou a algunha vista pintoresca do litoral galego. Tamén presenta nesta mostra varios gravados realizados con diversas técnicas, tratando sempre que a execución sexa a correcta así como a estampación. O seu gusto pola cor é evidente xa que manexa todas as gamas cromáticas, mesmo entrelazando as cores cálidas e frías, lixando e velando para enriquecer o cadro. Peña Romay segue fiel á orde e á beleza asumida polos clásicos, que son os seus grandes mestres, por iso os seus cadros nos falan da beleza e da vida, impregnan a nosa retina da mensaxe da arte, e camiñan cara ao construtivo e a verdade.

Coa versatilidade da súa pintura, Peña Romay usa nos seus cadros: formas, texturas, cores e figuras que lle dan un sentido emocional ao seu traballo continuado. Como resultado visualizamos estruturas xeométricas e coloristas nesas paisaxes urbanas das nosas queridas cidades galegas. Tamén afrontando ese reto persoal, ademais das paisaxes, preséntanos gravados con figuras humana que nos desvelan o propósito do artista e o seu interese polos ritmos curvos que orixinan certa mobilidade nas figuras, ritmos que evocan a orixe da nosa esencia. Esa xeometría visible ou oculta que nos murmura códigos a través das súas figuras fálannos da vida mesma e de existir.

01 Octubre 2014
Eventos