Inauguración da exposición de pinturas e debuxos "POR UN POUCO DE AMOR", de Omar Kessel
Omar Kessel, artista cubano vinculado a Galicia durante máis de 23 anos, presenta unha exposición composta por obra recente acompañada doutras máis antigas, onde amosa composicións tensionadas entre a vida, o Eros, simbolizada nos corpos femininos, e a morte, Tánatos, agochado na escuridade das miradas de Orishas e nas mans profanadoras.
A mostra poderá visitarse ata o 27 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
OMAR KESSEL (La Habana, 1953) Graduado na Escuela Provincial de Artes Plásticas "San Alejandro", La Habana. Graduado no Instituto Superior de Artes (ISA).Habana. Cuba.
Membro da Unión Nacional de Escritores y Artistas de Cuba (UNEAC) e do Taller Experimental de Gráfica de La Habana (TEGH).
Xefe de Taller do Centro Internacional de la Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos.
ULTIMAS EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS
2011 Exposición de Pintura e Debuxos, Espacio "Os Muiños", Culleredo, A Coruña.
2012 Exposición de Gravados, Fundación CIEC, Betanzos, A Coruña.
2013 Exposición de Gravados, Atelier Empreinte, Luxemburgo.
2014 Exposición de pintura, Debuxo e Gravados, Botica das Artes, Culleredo, A Coruña.
Tal e como comenta Xaccobe Meléndrez Fasbender, artista visual e prologuista do catálogo desta mostra, nos traballos máis recentes Kessel presenta brillantes lapis a cor sobre fondo negro, óleos, litografías, xilografías... da súa prolífica produción. En todos as curvas voluptuosas se acompañan de explosións cromáticas que encarnan o desexo en forma de muller ou de froita tropical as súas papaias, sempre presentes con planos de complicadas perspectivas superpostas, veladuras suxestivas e un tratamento delicado dos pregues das teas. Rostros moitas veces fóra de encadramento ou agochados en complexos escorzos, pero que cando aparecen se amosan serios, transcendentes ou mal intencionados. E entre eles algún rostro coñecido, ocultando ou descubrindo, facendo exótica a súa musa de pelo vermello. Horror vacui neste neobarroco criollo excesivo, que invade o espectador.
Mención á parte necesitan as pezas que denomina iconas, que son unha evolución innovadora das matrices de xilogravado. Grandes pranchas de DM tallado e coloreado con tinta plana, ás que unha vez secas segue sacando outra capa de material e aplicando despois unha nova man de tinta, e así unha e outra vez nun traballo que non termina ata que se desfai da peza. Non hai estampado sobre papel, o que se expón semella unha matriz de tamaño enorme, esculturas en negativo policromadas nas que se expresa toda a espiritualidade de Omar Kessel.