Inauguración da exposición fotográfica retrospectiva "LUME DE BIQUEIRA: 20 ANOS DE MÚSICA"
Esta mostra fotográfica forma parte dos actos conmemorativos do vixésimo aniversario da fundación da Banda de gaitas Lume de Biqueira. As imaxes seleccionadas intentan contar a historia dun grupo de músicos que, desde uns comezos ben modestos, se converteron nunha referencia no mundo das bandas de gaitas en España.
Durante o acto, Ángel Hernando e Fernando Molpeceres, integrantes de Lume de Biqueira, interpretarán algunhas pezas musicais. Tamén intervirán Pilar Falcón, presidenta do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, e Carlos de Blas, coordinador da Enxebre Orde da Vieira.
Lume de Biqueira é a banda de gaitas máis heterodoxa e, probablemente, máis espectacular do panorama da música celta en España, ademais de ter unha ampla proxección internacional sen parangón no momento actual. A súa música, produto da fusión de ritmos e estilos, a incorporación de instrumentos nada habituais para estas formacións e un directo impactante por estética e número de compoñentes, fan de cada actuación unha gran festa, como xa comprobou o público de moitísimos lugares de España e de países de culturas tan dispares como Irlanda, Francia, Lituania, Italia ou Reino Unido, e en agosto de 2018 mesmo de China.
En 1998 fundouse a Banda de Música e Investigación Albedro, unha asociación sen fins de lucro, cuxo principal obxectivo é difundir e investigar a música de raíces celtas, particularmente a galega.
Case ao mesmo tempo, e para que servise de manifestación artística da asociación, créase a Banda de Gaitas Lume de Biqueira. Moi pronto esta agrupación centra o groso da actividade da asociación e comeza unha actividade incesante de actuacións por España e o estranxeiro
A Banda de Gaitas Lume de Biqueira radica en Madrid e desde os seus inicios centrou a súa actividade en crear un son propio, sobre a base de actuar en concertos e desfiles (tres anos no de San Patricio, en Dublín, con premios á "mellor banda do festival" (2003), o "Espírito do Festival (2004) e "mellor banda de adultos" (2010). Nos seus concertos aúna tradición e modernidade, mesturando as gaitas e a percusión coas guitarras eléctricas. Os seus temas combinan melodías galegas ou asturianas, con irlandesas ou escocesas.
A súa música é claramente folk celta, pero pretenderon presentala como unha evolución. A temas tradicionais galegos ou asturianos, uniron melodías irlandesas ou escocesas. Pero tamén foron incorporando versións adaptadas de temas procedentes da música clásica, como o Canon de Pachelbel, ou rumbas flamencas e mesmo ritmos brasileiros.
Cando os concertos o requiren, a incorporación de instrumentos nada habituais para unha banda de gaitas como guitarras, baixo, teclado, frautas, percusións étnicas, etc. dotan a Lume de Biqueira dunha personalidade única e permiten ao grupo explotar todo o seu potencial.