Inauguración da exposición "RETRATOS, CARICATURAS E VISIÓNS", de Siro López, con debuxos e pinturas dedicadas a Ramón María del Valle-Inclán

Eventos
11/07/2016
11/07/2016
07/11/2016

Inauguración da exposición "RETRATOS, CARICATURAS E VISIÓNS", de Siro López, con debuxos e pinturas dedicadas a Ramón María del Valle-Inclán

-

Co gallo do 150º aniversario do nacemento do dramaturgo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia trae á Casa de Galicia en Madrid esta mostra, que consta dunha colección de debuxos e pinturas de gran formato realizados en diferentes estilos e técnicas, que o debuxante e xornalista galego lle dedicou ao universal escritor.

Os amantes da arte e os afeccionados ao mundo literario de Valle-Inclán teñen unha boa oportunidade para visitar a exposición de Siro López, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Non se pode obviar, ao abordar a inxente figura de Valle-Inclán, o encanto que a súa imaxe xerou e segue xerando entre o público en xeral  e entre os debuxantes de humor gráfico en particular. A súa lánguida e finamente estudada imaxe foi mil veces debuxada en formato de caricatura mesmo xa en vida do propio autor; a máxima, tan contemporánea, de unión de vida e obra de arte, pódese aplicar á figura de Valle á perfección, sendo obra e estampa, detonantes, aínda hoxe, de novas creacións artísticas en diferentes ámbitos.

Ao longo dos anos, polo seu traballo como ilustrador e caricaturista da vida galega, e xunto á súa actividade artística, Siro López retratou a Valle-Inclán en numerosas ocasións. O centenar de bosquexos que lle dedicou deu lugar a unha galería composta por unhas corenta obras que ofrecen múltiples visións do escritor, desde as máis realistas ás máis oníricas.

Igual que a obra de Valle-Inclán proporcionoulle a Siro incontables horas de gozo lector, tamén a súa dedicación  aos retratos foi pracenteira. A enigmática e magnética personalidade do escritor permitiulle explorar diversas técnicas e achegamentos gráficos á súa figura.

A caricatura, xunto ao humor gráfico nace ao amparo das ansias de liberdade dos artistas na idade moderna. Para o coñecido debuxante Siro López, os caricaturistas non copian a realidade senón que a deforman para conseguir unha semellanza co modelo, superior á do retrato convencional. Na composición das caricaturas, nas que o humor non queda no cómico nin no satírico, as pezas convértense nun chamamento ao intelecto e á emotividade do público.

Siro López Lorenzo naceu en Ferrol en 1943. Desde o ano 1970 ata o 2006 fixo debuxo de humor e caricatura política en distintas publicacións galegas; nos últimos 30 anos no xornal "La Voz de Galicia". Publicou dezaseis álbumes de temática variada, desde a caricatura e o humor á ilustración e o retrato. Ilustrou libros de Xabier Alcalá, Carlos Durán, Gayoso Veiga, Pepe Carballude, Fernández Formoso, Helena Villar, Cristina Amenedo, Mario Couceiro, Rábade Paredes, Neira Vilas, Vicente Araguas, Chao Rego, Manolo Rivas, Barreiro Rivas e Javier de Rolda entre outros.

Para o Proxecto Galicia de Hércules de Edicións realizou as ilustracións de dous volumes dedicados á Antropoloxía. Para Edicións da Torre ilustrou os cinco volumes de serie a Mitoloxía.

En canto á súa obra pública: Praza do humor da Coruña (1990). Monumento ao mariñeiro de Moaña. (2002). Murais no Porto de Ribadeo (2004)

Expuxo en numerosas cidades: Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Betanzos, Pontedeume, Ribadeo, Madrid, Bilbao, Barcelona, Vila Real e Lisboa.

No ano 2006 mostrou a exposición titulada Desde Picasso na Galería Sargadelos de Barcelona e no Pazo Municipal da Coruña. No 2007 levou esta exposición ao Pazo da Deputación Provincial de Lugo, e no 2008 á Casa de Galicia en Madrid. Nese mesmo ano presentou no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal a exposición Valle Inclán: retratos, caricaturas e visións.

A súa obra pictórica está representada no Museo Municipal de Ferrol, no Museo Carlos Maside de Sada, no Museo do Humor de Fene, na Fundación Araguaney e no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela, nas Casas-Museo de Rosalía en Padrón e Otero Pedrayo en Ourense, nas coleccións de Caixa Galicia e Caixanova, na Universidade de Santiago, no Parlamento Galego, no Ministerio de Sanidade e no Congreso dos Deputados, en Madrid.

 

07 Noviembre 2016
Eventos
Imaxes