Inauguración da exposición "UN CANTO E UNHA LUZ NA NOITE". Asociacionismo Cultural en Galicia (1961-1975)

Eventos
03/05/2014
03/05/2014
05/03/2014

Inauguración da exposición "UN CANTO E UNHA LUZ NA NOITE". Asociacionismo Cultural en Galicia (1961-1975)

-

Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) é un proxecto expositivo cuxo propósito é dar a coñecer a historia das asociacións culturais en Galicia durante os últimos quince anos de ditadura franquista, así como poñer de manifesto a importancia do seu labor no proceso de recuperación e dignificación da cultura galega. O acto contará coa presenza de Emilia García López, responsable de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega. A mostra poderá visitarse ata o 28 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

O punto de partida da mostra sitúase en 1961, ano de creación de O Galo, a primeira asociación cultural galega, e desenvólvese a través de vinte e dous paneis explicativos e vitrinas con documentación diversa que ofrecen ao espectador unha perspectiva completa tanto dos comezos do asociacionismo, nos que a recuperación e promoción do uso do idioma foron de vital importancia, como da posterior posta en marcha de diferentes asociacións como O Facho ou Abrente, a extensión da actividade asociacionista nas principais capitais galegas, a actividade cultural no exterior, o papel da actividade asociativa na dinamización do teatro galego, a aparición de novas editoriais, revistas e librerías especializadas, a política, a música, o cartelismo sociopolítico, o emprego do galego en medios como a radio ou o cine, na liturxia, a creación de cineclubes… sen olvidar a importancia do papel desempeñado polas persoas que co seu esforzo crearon un novo escenario para a nosa cultura: escritores, estudantes, intelectuais, editores, creadores e xentes de todo tipo que participaron nunha empresa colectiva sen a que hoxe non se entendería a cultura en Galicia.

A exposición complétase coa edición dun catálogo, deseñado ao igual que o concepto expositivo por Xosé Díaz, no que diferentes autores analizan as distintas facetas do legado das asociacións culturais galegas e a súa pegada no tecido cultural do noso país. Así, o libro-catálogo conta con textos de Antón Santamarina, Henrique Harguindey, Camilo Nogueira, Xosé María Palmeiro, Xosé Luís Chao, Xosé Carlos Sierra, Lalo Gutiérrez, Manuel Lourenzo, Tino Caamaño, Alfonso Vázquez Monxardín, Antón Costa, Miguel Anxo Seixas, Manuel F. Rodríguez, Euloxio R. Ruibal, Elías Torres, Martinho Montero, Luís Álvarez Pousa, Xesús Alonso Montero, Malores Villanueva e Manuel Caamaño.

A mostra foi ideada con dúas finalidades importantes. A primeira consiste en preservar este patrimonio colectivo que estaba espallado en pequenos arquivos das asociacións ou mesmo en mans privadas. Grazas á súa xenerosidade, púidose dixitalizar unha gran masa documental que vai ficar como un referente para o estudo desta etapa histórica. A segunda finalidade está na propia exposición que resultou deste traballo previo: trátase de recoñecer e difundir o traballo das xentes e dos colectivos pioneiros do asociacionismo cultural, poñendo en valor aquel legado e incorporando eses activos a este tempo noso.

Organizada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación 10 de Marzo e comisariada por Ricardo Gurriarán, Un canto e unha luz na noite é o resultado dun traballo de investigación que durou ano e medio, grazas ao que se recompilaron e dixitalizaron máis de vinte mil documentos, depositados a partir de agora no Consello da Cultura Galega para a súa consulta.

05 Marzo 2014
Eventos
Imaxes