Presentación da exposición "ORINOCO. VIAXE A UN MUNDO PERDIDO". Unha colección da Fundación Cisneros
O acto de presentación contará coa intervención da Fundadora da Fundación Cisneros, Patricia Phelps de Cisneros, e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.
Tras viaxar durante trece anos por algunhas das institucións culturais máis importantes de Alemaña, Francia, Suíza, República Checa, Finlandia, Suecia, Rusia, Dinamarca ou Eslovenia e recibir máis de sete millóns de visitantes, a Cidade da Cultura de Galicia, en colaboración coa Fundación Cisneros, trae por primeira vez á Península Ibérica a Colección Orinoco, a mostra de arte étnica máis importante de Latinoamérica pertencente á Colección Patricia Phelps de Cisneros.
Baixo o título "Orinoco. Viaxe a un mundo perdido", o Gaiás ofrece unha homenaxe excepcional á tradición cultural das doce etnias que habitan o Amazonas venezolano: De"áruwa (Piaroa), Ye"kuana, Yanomami, Híwi (Guahibo), E"ñepa (Panare), Wakuénai (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekena, Tsase (Píapoco) e Hoti. Composta por unha ampla selección de obxectos utilitarios de cada un dos grupos indíxenas, a colección consta de máis de 1.500 pezas recompiladas durante cincuenta anos de exploracións: máscaras, cestería, adornos corporais, instrumentos musicais, plumarios, canoas, remos e instrumentos de pesca, obxectos de uso cotián e máxico-relixiosos, que están construídos con materiais da selva, partes de animais, plantas e minerais.
A Colección Orinoco propón unha inmersión no chamado "Mundo Perdido", un lugar protexido e cálido no corazón da selva amazónica, onde apenas o un por cento da luz solar logra alcanzar o chan ao mediodía pero no que o ser humano atopou hai doce mil anos un acolledor fogar onde atopar todo o necesario para vivir. A mostra é un canto á natureza virxe e ao respecto polo medio rural e un recoñecemento ás culturas tradicionais e a súa supervivencia respectuosa coa contorna.
Esta viaxe complétase cunha abraiante colección de imaxes en gran formato e a proxección de dous documentais que axudarán ao expectador a transportarse a esta rexión de Venezuela por onde transita o terceiro río máis caudaloso do mundo. Un río que se erixe en marca de identidade duns pobos, da mesma forma que a rede hidrográfica galega se presenta como trazo máis expresivo da paisaxe e da riqueza patrimonial, cultural e biolóxica do país.
Unha realidade que recolle "Orinoco. Viaxe a un mundo perdido", ao incluír unha visión sobre esta Galicia fluvial a través de pezas procedentes de institucións e museos galegos: artes de pesca e embarcacións tradicionais, así como imaxes que retratan as paisaxes e costumes da vida arredor dos ríos.
Para máis información da exposición, pode consultar na páxina web: www.orinoco.org.
A exposición permanecerá aberta ao púbico no Museo Centro Gaiás -Cidade da Cultura- de Santiago de Compostela ata o próximo día 12 de xaneiro de 2014, en horario de 11:00 a 20:00 horas de martes a domingo.