Presentación da novela "AGORA XA FOI", de Vicente Araguas, publicada por Edicións Embora
Quince anos despois de publicar "Agora xa foi", o autor de Xuvia, Vicente Araguas, reedita coa editorial ferrolá Embora, esta novela curta na que traslada ao lector ao Ferrol do ano 1971, na que un pequeno grupo de mozos militantes de esquerda trama unha acción política durante un encontro do Racing de Ferrol no antigo estadio do "Inferniño".
Acompañará ao autor o editor do libro, Francisco Rodríguez.
Esta novela transcorre na Galicia de 1971, ano fronteirizo e ambiguo, no que as cousas, de puro claras, eran equívocas. En "Agora xa foi" xorde o conflicto entre amor e adversidade, camuflado o primeiro sentimento na seguridade que inspiran os dogmas. A historia dun grupúsculo ultra esquerdista nos prolegómenos dunha acción é o pretexto para que Vicente Araguas desenguedelle un estilo característico, cheo de tenrura, humor, escepticismo e distanciamento nas rúas de Ferrol e no vello Estadio do Inferniño.
A historia, que discurre en varios lugares da cidade en soamente tres días e co amor entre Fandiño e Natalia como nexo de unión de toda a historia é certamente complexa, porque a vida é complexa. Ten "flashbacks", ensoñacións, fútbol, amor, ciumes... é un libro para xente que goza da literatura, de quen lle quere adicar un bo momento a ler, complicándose un pouco a vida á hora de reconstruír a historia e ser cómplice a un certo nivel de intelixencia co autor da obra.
Vicente Araguas, nado en Xuvia (Neda) o 24 de setembro de 1950, é un músico e escritor galego, un dos fundadores en 1968 do grupo Voces Ceibes.
Licenciouse en Filoloxía Inglesa na facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela, doutorándose o 27 de novembro de 2014 na Universidade da Coruña. En 1968 deu os seus primeiros recitais como cantautor, ao tempo que participou nas manifestacións universitarias que se realizaron nese ano en Compostela. No seu primeiro disco (1968) gravou as cancións Agora, Poema triste, A cea e Os corpos (texto de Alfredo Conde). No segundo disco (1970) gravou O camaleón e A Léo Ferré, compañeiro e participou no disco colectivo Cerca de mañana (1972). No curso 1972-1973 deu clases de lingua castelá en Glasgow, e foi alí onde comezou a escribir os seus primeiros poemas que formarán Paisaxe de Glasgow. Desde setembro de 1974 reside en Madrid.
Actualmente exerce a docencia no centro educativo Logos (en Las Rozas). Comparte a actividade docente coa de crítico literario en Leer e Revista de Libros e columnista en Diario de Ferrol, La Región e El Correo Gallego. Por esta última actividade acadou o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo. Ademais Vicente Araguas é Pedrón de Honra, Insignia de Ouro de Ferrol e Fillo Predilecto de Neda. Os seus poemas están en diferentes escolmas de poesía galega, a última, "Poetízate", traducido ao italiano por Emilio Coco e Sabrina Lembo, ao catalán por Manuel Costa-Pau e ao inglés por Mike Warren-Piper. Acadou igualmente o Premio Patrimonio Musical de Galicia.
En narrativa leva publicados varios libros, dos que destacan, entre outros: "Agora xa foi", 2000, Laiovento. "A canción do verán", 2001, Ir Indo. Xuvia-Neda, 2010, Xerais. Relatos. Versión en castelán de Andrea Araguas Baliño, 2013, Huerga y Fierro. "Ada y los ratones colorados". 2013. Edicións Embora. Ilustracións: Carmen Fernández Cornejo. "Nos dio por llorar mientras llovía". 2014. Lastura. Relatos." Ada pierde la cabeza/ Ada perde a cabeza/ Ada loses her head", 2015. Sial/ Pigmalión. Ilustracións: Carmen Fernández Cornejo. (Premio Escriduende, Feria del Libro, Madrid, 2015).