Presentación da novela "GANDARÓN OU O GRAN FALO MEGALÍTICO DE PENA CORNEIRA", de Eladio Rodríguez Fernández, publicado por Ir Indo Edicións

Eventos
06/20/2016
06/20/2016
20/06/2016

Presentación da novela "GANDARÓN OU O GRAN FALO MEGALÍTICO DE PENA CORNEIRA", de Eladio Rodríguez Fernández, publicado por Ir Indo Edicións

-

"Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira" é unha novela sorprendente, chea de voces e personaxes enmarcados nun mundo pseudoimaxinario, pero real á vez, cuxos protagonistas nos transmiten os valores da amizade, o compañerismo, a valentía e a unión dos pobos nun ben común.

Intervirán no acto de presentación, ademais do autor, Bieito Lego, Antón Alonso, Vicente Araguas e Ramón Pernas.

A novela que constitúe a "opera prima", do autor, introduce ao lector no fascinante mundo da Idade do Ferro. Os prodixiosos xefes venerados como deuses que poboaron os mitos da antiga Gallaecia cobran vida nun universo con alicerces nos últimos descubrimentos da arqueoloxía e das ciencias do pasado pero sobre o que voa ceibe a imaxinación e a fantasía, do autor, enchendo con soños os ocos baleiros da ciencia.  

Gandarón e Martiño, xunto aos grandes xefes dos castros, e coa axuda inestimable da Excel. Becha Usía, tentarán opoñerse aos desexos de destrución e cobiza dos invasores das terras de Avea. 

Eladio Rodriguez, apoiado na sua imaxinación e moitas horas de intensas pesquisas, emula unha viaxe no tempo, intruducindo o lector de forma vibrante nas vellas historias que se contaban na noite dos castros e fiar con elas a historia dos deuses galaicos, ou sexa, as orixes máis profundas do rico imaxinario da sociedade tradicional galega. Un libro apaixoante, distinto, que causará gran impresión e que trae a máis vella mitoloxía galega coñecida ao noso imaxinario do século XXI.

O Autor

Eladio Rodríguez Fernández, fillo e neto de viticultores con terras de seu e adega, naceu en Beade, en terras do Ribeiro do Avia. A paisaxe ribeirá da viña vai conformando a súa personalidade, moldeando o seu carácter ao redor dunha contorna rural moi específica, correspondente á vide e ao viño.

A Natureza exuberante, os ríos, as viñas e as fragas foron deixando fondos sucos no seu intelecto. A cultura humana que emanaban as vilas e aldeas ribeirás foi impregnando todo o seu ser dun intensa paixón por todo o que vía, abrindo a súa mente cara a un forte compromiso, de por vida, con esa Terra. Co tempo coñeceu outras realidades, pasando polo Instituto de Ribadavia, aprendendo a elaborar doutra maneira o viño en Villarrobledo (Albacete), e adquirindo formación na escola de Enxeñería Técnica de Vigo. 

Dirixiu unha empresa construtora na cidade de Vigo e colaborou intensamente en diversos parladoiros culturais en Ourense, labor que compaxinaba coa publicación dalgúns versos na célebre revista Grial. Estréase como escritor con esta gran e voluminosa obra: "Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira".

 

20 Junio 2016
Eventos
Imaxes