Presentación da novela O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE, de Francisco Castro, publicado pola Editorial Galaxia
A obra recibiu o Premio de Novela por Entregas 2013, de La Voz de Galicia.
O corazón da branca de neve é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa para unha historia que pode estar acontencendo agora mesmo en calquera das nosas cidades. Un reto para un inspector canso e sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador.
Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.
É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia.
En 2007 gaña o Premio de Novela Manuel García Barros coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica O ceo dos afogados que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.
En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García Borobó" polo seu artigo titulado Borobó despedido". No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de Chamádeme Simbad (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e O segredo de Marco Polo (2010). Con Fina Casalderrey publica en 2012 O neno can, obra incluída en 2013 na Lista de Honra de IBBY para os mellores libros sobre o tratamento da discapacidade.
En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra O corazón da Branca de Neve.
Varias das súas obras están traducidas ao portugués, italiano, catalán e castelán.