Presentación da XV Edición dos actos programados no ARDE LVCVS 2016, polo Concello de Lugo
Do 16 ao 19 de xuño celebrarase o ARDE LVCVS, onde os cidadáns retroceden no tempo para gozar do seu legado cultural e histórico remontándose á vida de Lucus Augusti, destacada urbe e unha das capitais administrativas da Gallaecia romana.
No acto participará a alcaldesa de Lugo, Dª Lara Méndez López.
Nesta edición, por primeira vez a Muralla Romana non vai ser o único Patrimonio da Humanidade que faga de testemuña da convivencia pacífica entre castrexos e romanos; o Camiño Primitivo e a Catedral tamén o farán nesta edición como Bens Mundiais.
Este ano quíxose ampliar a oferta lúdica e cultural, por iso o Arde Lucus durará un día máis (do 16 ao 19 de xuño). Celebraranse, pois, máis de 400 actos, dos cales 50 serán novos. Entre as novidades destaca o Convivium, unha comida de confraternidade romana na Praza de Santa María, ou sesións de pirotecnia e o carro de Baco.
Desde o Concello de Lugo ponse todo o empeño para que a xente goce nestes días tan especiais; pero nada disto sería posible sen a implicación de toda a sociedade lucense, verdadeira protagonista do ARDE LVCVS. Comercios, hostalería e asociacións de recreación poñen todo da súa parte para conseguir regresar ás súas orixes.